Noticias

A Deputación de Pontevedra saca a licitación as obras de mellora da seguridade viaria da EP-0307, nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade

A actuación na estrada provincial ten un orzamento de preto dun millón de euros


10 outubro 2019
Estrada Peso-Caroi

A Deputación de Pontevedra saca a licitación as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0307 Peso-Caroi, exactamente do punto quilométrico 4+000 ao 6+000, nos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade.

O tramo que se pretende mellorar trátase dunha zona estreita debido a que a estrada discorre a media ladeira existindo nas súas marxes grandes desniveis, edificacións e formacións rochosas. As obras proxectadas consisten na ampliación da superficie do viario co fin de dotalo dunha cuneta de seguridade de 1 metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros por ambas marxes, carrís de 2,75 m e unha berma pola marxe esquerda de 0,5 metros.

Será necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura. Así como desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario. Tamén será preciso o recuamento dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución e/ou ampliación das obras de drenaxe existentes. Ademais, con estas obras reporase a barreira de seguridade, colocaranse sinais verticais e horizontais e 6 redutores de velocidade.

O orzamento de licitación desta actuación é de 940.182,85 euros e o prazo para presentación das ofertas rematará o vindeiro 29 de outubro.