Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase á campaña #LuzporlaELA tinguindo de verde o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da ELA

A acción que desenvolverase a noite do 20 e do 21 de xuño mostra o seu apoio ás persoas que padecen Esclerose Lateral Amiotrófica


19 xuño 2019
#LuzporlaELA

A Deputación de Pontevedra únese aos actos do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se conmemora este venres, e iluminará de verde o Pazo provincial desde a noite do xoves 20 de xuño, ás 23.00 horas, ata a mañá do sábado 22 de xuño. Desde xeito a institución provincial pretende darlle visibilidade a enfermidade coa intención de que a sociedade comprenda a que se teñen que enfrontar tanto as persoas que padecen esta enfermidade como as e os seus familiares.

Un ano máis a Deputación de Pontevedra amosa o seu apoio cara as persoas que padecen esta enfermidade dexenerativa e únese á campaña #LuzporlaELA, promovida en Galicia pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

En 2018, ademais da Deputación de Pontevedra, 132 municipios participaron iluminando de verde 168 monumentos de toda España, entre os que se atopaban a Fonte de Cibeles, a Praza de España de Sevilla, o Arco de Santa María de Burgos, os concellos de Barcelona ou Donosti, a Torre de Hércules, o Templo de Diana de Mérida, o Palacio da Madalena de Santander ou o Teatro Campoamor de Oviedo.

A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular. Orixínase cando algunhas células do sistema nervioso denominadas motoneuronas, diminúen o seu funcionamento e morren, provocando unha parálise muscular progresiva. A enfermidade afecta, especialmente, a persoas de idades comprendidas entre os 40 e 70 años, máis frecuentemente en varóns e entre os 60 e 69 años. Cada ano se producen uns 2 casos cada 100.000 habitantes.