Noticias

A Deputación de Pontevedra transforma a provincia cun investimento récord de 60 millóns de euros en infraestruturas viarias e equipamentos do século XXI

Carlos López Font: "É imposible viaxar polo territorio e non atoparse con infraestruturas construídas con fondos da Deputación. Temos un proxecto, temos modelo e a nosa prioridade son as persoas"


13 agosto 2020
López Font

A Deputación de Pontevedra mobiliza este ano 60 millóns de euros para transformar a provincia e convertela nun referente de mobilidade segura do século XXI con infraestruturas e dotacións que axudan a fixar poboación no rural e equilibran o territorio provincial. Así, o deputado provincial Carlos López Font fixo balance en rolda de prensa das actuacións en marcha e as previsións para este ano, explicando que "máis de 34 millóns de euros se destinan a obras nas estradas provinciais, convenios con concellos para traballos de sendas peonís, humanizacións e urbanizacións, actuacións de mantemento e conservación". Outros 26 millóns de euros pertencen aos plans DepoRemse, de Mobilidade Segura en Vías Municipais, que conta con 11 millóns, e ó Plan de Reequilibrio de Dotacións e Equipamentos Municipais, de 14,8 millóns.

Deste xeito, Font anticipou os recursos mobilizados directamente pola Deputación, sen ter en conta os 29,7 millóns de euros da Liña 1 do Plan Concellos 2020 que se transfiren aos concellos e que redundan, tamén, en infraestruturas no ámbito municipal. "A Deputación está a acometer a gran transformación da provincia. É imposible viaxar polo territorio provincial e non atoparse con infraestruturas construídas con fondos da Deputación", sinalou o deputado. Ademais, engadiu: "Somos referentes na mobilidade segura do século XXI".

A Deputación de Pontevedra é unha institución líder en licitación de obra pública e isto tendo en conta que, a maiores, é o órgano provincial, segundo datos do Ministerio de Hacienda, que máis fondos transfire ós concellos para que sexan estes os que liciten as súas propias obras (un 33 % do orzamento anual). Ademais, un recente informe da Federación Galega da Construción di que a Deputación de Pontevedra é a institución pública de Galicia que máis obra adxudicou a empresas galegas durante o 2019 (un 99,4 % do total).

A Rede Provincial de Estradas é, con 1.700 quilómetros, a máis extensa da provincia e supera mesmo á suma das estradas nacionais e autonómicas. Trátase de 377 vieiros que pasan por todos os concellos da provincia. Esta extensa rede, que alimenta todos os municipios, foi posta en valor polo deputado como símbolo da aposta da Deputación polo rural: "Apostamos moi forte polos concellos máis pequenos, onde realizamos obras impensables hai tempo e que teñen estradas e infraestruturas comparables ás dos municipios máis grandes. Para nós é unha obsesión fixar poboación no rural". Isto, tendo en conta a alta dispersión de poboación que teñen Pontevedra e Galicia fai aínda máis imprescindible a comunicación dos distintos núcleos dos concellos para que a xente poida desprazarse a pé, en bicicleta, en cadeira de rodas ou en vehículo a motor de xeito democrático.

Para dar conta da transformación que o ente provincial puxo en marcha desde a chegada ó Goberno de Carmela Silva, Carlos López Font quixo facer unha breve pincelada histórica. "En 2015 atopamos as estradas provinciais nun estado absolutamente lamentable, con estradas que levaban 30 anos sen ningunha actuación. Algunhas beirarrúas eran absolutamente impracticables, atopabámonos con postes de luz na estrada". Ademais, sentenciou: "As estradas provinciais pasaron directamente do século XIX da etapa de Louzán ao século XXI".

O INVESTIMENTO, AO DETALLE

"Nunca houbo unha actuación como agora nas infraestruturas provinciais. Temos plan, temos modelo e apostamos polas persoas", sinalou López Font. Así, o modelo que a Administración provincial leva poñendo en marcha desde o ano 2015 baséase na "seguridade viaria, a mobilidade do século XXI, ou o que é o mesmo, as persoas como centro de todo. As estradas do século XXI non deben ser só para os coches, senón tamén para as persoas". Deste xeito, todos os plans e proxectos baséanse en criterios técnicos establecidos no Decálogo aprobado en 2016 e na Instrución de 2018 "e así facemos posibles cousas como que as nosas sendas peonís teñan un ancho mínimo de 2,5 metros".

Font debullou ao detalle o reparto dos 34.176.123 euros que este ano están destinados ás estradas provinciais. Unha cifra sen precedentes que se reparte entre os 7.754.257 euros correspondentes ás 27 obras propias da Deputación, das cales 21 xa remataron (4.429.033 €), 4 están en execución (3.143.603 €)e 2 comezan este mesmo ano (181.651 €). Ademais, 15.780.500 euros irán a parar a convenios cos concellos para sendas peonís, humanizacións e urbanizacións. Nestes intres están en tramitación 26 convenios con concellos para a mellora da mobilidade segura. O deputado destacou que trátase de obras de calado, como demostra que catro delas superen o millón de euros e unha os dous millóns. Neste senso, quixo reivindicar catro obras que foron acometidas no pasado mandato e que considera "exemplos" do bo facer da Deputación na transformación dos concellos (a mellora da mobilidade peonil en Silleda na EP-6518 a carón do Centro de Saúde e a Residencia, a reforma integral da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo, A reforma da rúa Concepción Arenal na Guarda e a mellora da conexión entre Tomiño e Sabarís, en Tomiño) e, ademais, aproveitou para amosar unha recreación virtual dun dos proxectos que a Administración provincial está a piques de acometer, en concreto da reforma da estrada provincial Os Valos e Guizán, en Redondela.

Pola súa banda, o Plan Móvese de mobilidade segura foi outro dos programas nos que o deputado quixo facer fincapé. Este plan, que conta con 2.658.865 euros de orzamento, prevé a construción de 479 elementos de redución de velocidade ao longo do ano en 54 concellos. Este ano incorpora a novidade de que terá unha auditoría física dos aproximadamente 2.000 pasos de peóns ou puntos conflitivos detectados nas estradas provinciais. Cun orzamento de 2.890.000 euros, a conservación das estradas, que inclúe os roces, a reapertura de cunetas e sinalización horizontal, é outro dos alicerces da filosofía que mantén a Deputación á hora de apostar pola seguridade viaria e a mobilidade. A tala de arborado no dominio público das marxes das estradas supón outros 231.000 euros no Orzamento provincial. En canto ao plan de mantemento dos firmes das vías provinciais, explicou que xa se adxudicaron catro das cinco zonas en que está dividida a provincia e que a quinta zona está en licitación por concurso da empresa adxudicataria. Estas actuacións posúen un investimento de 4.360.608 euros. Á marxe do plan de conservación, a Deputación efectuará este ano tres actuacións singulares por un valor que ascende a 500.893 euros. Estes traballos foron na EP-5005 A Cañiza-Pousa, na EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide (As Neves) e na EP9702 As Sinas-Vilanova de Arousa.

Finalmente, Carlos López Font detívose nos dous plans extraordinarios da Deputación dirixidos aos concellos e iniciados no 2018, pero aínda vixentes e que rematarán entre este ano e o próximo e que supoñen un investimento total de 26 millóns de euros. Trátase do Plan de Reequilibrio, que conta con 14 millóns de euros de investimentos para un total de 25 obras de dotacións e equipamentos municipais en 25 concellos e o Plan DepoRemse, cuxo orzamento ascende a 11 millóns de euros e que se corresponde con actuacións de mobilidade segura na contorna de equipamentos sociais e que se están a executar en 31 concellos.