Noticias

A Deputación transforma os núcleos de centralidade rural de Covelo coas obras de mellora da seguridade viaria en sete camiños municipais

O deputado Santos Héctor, acompañado do alcalde, Juan Pablo Castillo, visita as actuacións emprendidas no Plan DepoRemse, cun investimento superior aos 91.000 euros


07 agosto 2020
Obras Covelo

O Concello de Covelo goza dun contorno seguro en sete camiños rurais, boa parte deles asociados a espazos de centralidade para a veciñanza, grazas ás obras executadas no marco do Plan de mellora da seguridade das vías Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. A actuación, valorada en 91.323,46 euros, foi visitada polo deputado Santos Héctor, acompañado polo alcalde, Juan Pablo Castillo.

As obras realizadas nas vías municipais consistiron na instalación de 14 elementos redutores da velocidade, sete pasos de peóns elevados, zonas con pasos de cebra para marcar a prioridade peonil, no reasfaltado dun tramo e na reordenación dun aparcadoiro para darlles seguridade ás e aos viandantes. Sobre o orzamento total a Deputación realizou unha achega do 95 % (86.157,27 euros) e o Concello correu co importe restante.

O contorno do colexio de Covelo, a igrexa e a Casa de Cultura de Casteláns e o acceso á capela de Xestosa pasarán así a contar cun espazo amable ao seu redor, no que priman os criterios de seguridade establecidos pola Deputación. O deputado Santos Héctor subliñou que a institución provincial conta xa cunha asentada tradición de execución de obras "á medida das persoas e do século XXI e converteuse, de feito, nunha referencia". "Covelo dá un paso adiante en materia de mobilidade moderna, un modelo no que as persoas teñen preferencia sobre os vehículos", engadiu.

Por outra banda, o deputado destacou que a Deputación fai da colaboración e da alianza cos concellos a súa razón de ser. "Somos unha institución profundamente municipalista e comprometida co territorio da nosa provincia dun xeito transversal" e así, explicou, xurdiu a repartición regrada e obxectiva de fondos tanto a través do Plan Concellos coma dos plans extraordinarios (entre eles o DepoRemse) que se adxudican segundo puntuacións obxectivas e criterios técnicos. "A Deputación de Pontevedra é exemplo de relación aberta, franca e colaborativa con todos os concellos da provincia", concluíu.

Ao detalle, as obras executadas son as seguintes: no camiño Outeiro, no acceso ao colexio colocouse un redutor de velocidade na entrada sur, un paso de peóns fronte ao colexio e outro no cruce coa estrada PO-261. No camiño Castro Regueiro (Maceira) instaláronse tres redutores. No acceso á igrexa e á Casa da Cultura de Casteláns executáronse dous pasos de peóns fronte a estas dúas dotacións. Para comunicar os pasos de peóns aplicouse un firme novo, previa demolición do anterior. Neste pavimento pintáronse pasos de cebra con pintura reflexiva e microsferas de vidro. No camiño de Casteláns executouse un redutor de velocidade e instalouse un sinal de stop. No camiño da parcelaria de Barciademera colocáronse catro redutores de velocidade e no camiño de Baldomar (Santa Mariña), tres. No acceso á capilla de Xestosa (Prado) executáronse dous pasos de peóns sobreelevados. No estacionamento existente delimitáronse as prazas e executouse un cebreado perimetral para marcar a circulación peonil. No camiño das Medelas (Paraños) instaláronse dous redutores de velocidade e un paso sobreelevado de peóns.

O Plan DepoRemse financia un total de  31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos da provincia de Pontevedra. A pandemia da COVID-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada  no 31 de maio, 11 meses máis que o prazo orixinal.

O Concello de Covelo recibiu un investimento total da Deputación de Pontevedra dende o ano 2015 de 4.560.470 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano recibe 453.809,18 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 31 obras, financiar 34 actividades socioculturais propias e contratar 95 traballadoras e traballadores con cargo ao Plan Concellos. Ademais, Covelo beneficiouse das adxudicacións das obras da praza de Barciademera con cargo ao Plan de Reequilibrio (287.407 euros) e esta mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.