Noticias

A Deputación de Pontevedra ultima a entrada en servizo das melloras na seguridade viaria nas estradas provinciais do concello de Forcarei

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, mantivo un encontro técnico coa alcaldesa, Verónica Pichel, para supervisar as actuacións rematadas e en marcha e para continuar avanzando no proxecto da estrada Soutelo de Montes-Covas


14 febreiro 2020
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Forcarei revisaron hoxe a situación das distintas actuacións de mantemento e conservación

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Forcarei revisaron hoxe a situación das distintas actuacións de mantemento e conservación que están en marcha en tres estradas provinciais, ao seu paso por este municipio, acordadas por ámbalas dúas institucións o pasado mes de novembro. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reuniuse coa alcaldesa, Verónica Pichel, e desprazouse ao terreo para revisar os proxectos.

Na EP-7016, Vinseiro-As Casetas, a Deputación ten en marcha os traballos de instalación de cunetas de seguridade, ou cunetas tendidas (que suavizan os noiros laterais) nas zonas das Casetas e Rozados, nos que o investimento ronda os 60.000 euros. Este tipo de remates supoñen unha importante mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns.

Por outra banda, a institución provincial rematou as obras de mellora da seguridade viaria na EP-7204, Soutelo de Montes-Ratel, nun treito de preto de medio quilómetro. Neste tramo substituíse a bionda existente que non cumpría a súa función por estar danada ou en mal estado por outra nova. Noutros casos, aínda que a barreira estaba en bo estado, renováronse os postes para aseguralos e garantir así a seguranza viaria da cidadanía que emprega esta vía provincial.

Estas obras realízanse ao abeiro do Acordo Marco de obras de conservación de firmes nas vías provinciais que se puxo en marcha hai dous anos pola Deputación de Pontevedra. A través deste acordo, dividiuse a provincia en cinco zonas, nas que cinco empresas diferentes son responsables das obras de mellora do firme necesarias.

Finalmente, Gregorio Agís deu conta de que xa está en fase de redacción o proxecto de mellora da seguridade peonil na estrada provincial Soutelo de Montes-Covas, EP-7203, unha actuación consensuada polo deputado nunha reunión anterior coa alcaldesa. O Concello de Forcarei deulle prioridade, polo que pasou a formar parte do calendario da Deputación para este mandato. Nesta estrada xa está executada a nova cuneta tendida na zona de Malburgo, actuación de mantemento que tamén tiña sido acordada entre ámbalas dúas institucións.

A rede provincial de estradas conta con 1.680 quilómetros nos que, ademais das obras de mellora con proxectos propios, están en marcha de xeito continuo programas de rozamentos, reposición de firmes e mellora da sinalización horizontal e vertical.

Fotos