Noticias

A Deputación véndelle tres parcelas do polígono de Barro a Mafari Café para a instalación das súas oficinas e a loxística da súa actividade

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, lembrou que nesta semana se formalizou a venda doutra parcela do parque a Panaderías Acuña


14 febreiro 2020
Venta de parcelas do polígono de Barro

A  Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicoulle tres parcelas do polígono industrial de Barro á empresa Mafari Café por un prezo de 1,6 millóns de euros, segundo informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

Como indicou a presidenta, Mafari Café instalará en Barro unha nave industrial "destinada a oficinas e a centralizar toda a loxística e a almacenaxe para desenvolver a súa actividade empresarial, dedicada á distribución de café e de todos os produtos derivados. Por tanto, van ampliar todo o que ten que ver coa súa empresa; e isto xerará máis e mellor actividade económica e tamén emprego", engadiu.

Así mesmo, Silva indicou tamén que esta mesma semana a Deputación formalizou a venda doutra parcela do polígono á empresa pontevedresa Panaderías Acuña, que prevé trasladar o seu obradoiro ao polígono de Barro. "Deste xeito, neste inicio de 2020 xa vendemos catro parcelas do parque, o que creo que é moi boa noticia para o conxunto da provincia de Pontevedra", destacou.

A presidenta fixo fincapé na longa traxectoria de Panaderías Acuña, "que vai xa pola cuarta xeración", e no feito de que a súa implantación no polígono supoñerá a creación de novos empregos nunha empresa que conta con 22 puntos de venda e que, na actualidade, ten arredor de 200 persoas no seu cadro de persoal. "A firma trasladará a Barro o seu obradoiro de pan no investimento máis importante nos seus 75 anos de historia", indicou Carmela Silva. "A posta en marcha desta instalación vai implicar un aumento do seu persoal destinado ao proceso de produción, que agora é de 57 empregadas e empregados, con entre 6 e 10 novos postos de traballo nun principio, porque consideran que van precisar máis a medio prazo".

A seguir, engadiu que a firma calcula que a construción das instalacións estará lista o ano que vén e que, coa dotación de maquinaria e a transición cara ao novo proceso de produción, confían en que "o Obradoiro de Pan Rogelio Acuña, en homenaxe ao seu fundador, poida estar xa operativo no ano 2022".

Audios

  • Audio