Noticias

A Deputación visibiliza as "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" nunha mostra que se poderá ver desde este luns en Ponteareas

A exposición, promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo, permanecerá ata o día 22 no Centro Social de Xinzo


07 setembro 2019
Achegas das mulleres

Dar visibilidade ao papel da muller e a súa contribución na economía do mar ao longo dos séculos é o principal obxectivo da exposición "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", que a Deputación de Pontevedra levará a Xinzo-Ponteareas e que se inaugurará este próximo luns coa presenza da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas. A mostra poderá visitarse no Centro Social Xinzo (Portela, n.º 34) e permanecerá neste local ata o día 22.

A exposición, promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo, está composta por vídeos e fotografías de redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando ou científicas, como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que foi directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. A directora deste proxecto expositivo, María Álvarez Lires, tivo a idea da mostra para poñer en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

"Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar o ocultado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos. A mostra poderá visitarse de luns a venres de 11.30 a 13 horas e de 16 a 20 horas e sábados e domingos de xeito ininterrompido desde as 11.30 ás 21 horas.


Novas relacionadas

Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar

09 xullo 2019, exposición, achegas das mulleres á sustentabilidade do mar