Noticias

A deputada Montse Magallanes fai entrega dos diplomas aos participantes do programa "DepoIntegra Xoven" na comarca de Pontevedra

Máis de 100 mozas e mozos participaron nas oito accións formativas que se levaron a cabo


05 marzo 2019
Entrega de diplomas DepoIntegra Xoven

A deputada provincial, Montse Magallanes, fixo entrega esta mañá, no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, dos diplomas aos participantes do programa de formación "DepoIntegra Xoven" na comarca de Pontevedra, no que participaron 108 mozas e mozos.

Máis polo miúdo, na comarca de Pontevedra leváronse a cabo un total de oito accións formativas: Confección e publicación de páxinas web, Desenvolvemento de aplicación con tecnoloxías web, Marketing e compravenda internacional, Dinamización de actividades infantís e xuvenís de tempo libre educativo, Operacións Auxiliares de Montaxe de Redes Eléctricas, Operacións na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, Dirección e coordinación de actividades infantís e xuvenís e de tempo libre educativo e Actividade auxiliares de almacen.

No global da provincia, un total de 362 persoas de entre 16 e 30 anos participaron en 2018 neste programa levado a cabo pola Deputación de Pontevedra. En concreto, 108 persoas na comarca de Pontevedra, 203 na comarca de Vigo, 21 en Deza, 18 no Baixo Miño e 14 no Salnés.

O proxecto "DepoIntegra Xoven", que conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, ten por obxectivos integrar de xeito sustentable no mercado de traballo a persoas de entre 16 e 30 anos da provincia que non participa nos sistemas de educación nin de formación, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Por este motivo, realízanse actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados que están dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas. Ademais, estas accións formativas tamén se complementan con accións transversais relacionadas cos idiomas, coa práctica profesional, as novas tecnoloxías e a igualdade de oportunidades. "DepoIntegra Xoven" tamén ten por obxectivos favorecer a participación das mulleres, das persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social para garantir a non exclusión no programa por motivos sociais, formativos, por razóns de xénero ou lugar de residencia.

Ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de itinerarios formativos, o programa ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento. "DepoIntegra Xoven" tamén ofrece ás persoas participantes orientación laboral e titorías individuais e grupais.