Noticias

A Escola de Cantería da Deputación elaborará os galardóns para a IV Gala do Deporte Local de Poio

Tratarase de cinco esculturas en granito con forma de dorna que queren representar os valores da práctica deportiva e a recuperación das tradicións


25 febreiro 2020
Carmela Silva, Gregorio Agís e Luciano Sobral

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, asinaron un convenio de colaboración a través do cal a Escola de Cantería da institución provincial encargarase de elaborar varias esculturas para os galardóns da IV Gala do Deporte Local de Poio. En liñas xerais, tratarase de cinco pezas en granito con forma de dorna que pretenden representar os valores da práctica deportiva e a recuperación das tradicións.

Máis polo miúdo, as cinco dornas en pedra elaboradas pola Escola de Cantería teñen por obxectivo transmitir os valores que identifican o mundo deportivo como son a convivencia, a superación, o traballo en equipo ou o fomento da coeducación. Ademais, o feito de ser pezas elaboradas pola Escola de Cantería e figuras que representan a tradicional dorna das Rías Baixas pretende tamén poñer en valor a importancia de recuperar as tradicións e a defensa do patrimonio histórico da provincia.

As dornas entregaranse durante o transcurso da IV Gala do Deporte Local de Poio, na que se premiarán as persoas relacionadas co concello que teñen especial significación no ámbito deportivo.

Fotos