Noticias

A Escola Universitaria de Enfermería despide a etapa formativa de preto de 40 novas persoas profesionais

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu esta tarde o acto institucional de Graduación da V Promoción de Graduadas e Graduados en Enfermería e da III Promoción do Curso Ponte


15 xuño 2018

A Escola de Universitaria de Enfermería despediu esta tarde a etapa formativa de preto de 40 novas e novos profesionais de Enfermería, que a partires de hoxe xa pasan a formar parte do mercado laboral. Son o alumnado da V Promoción de Graduadas e Graduados en Enfermería –promoción 2014-2018– e da III Promoción de Enfermería do Curso Ponte –promoción 2017-2018– O acto institucional, ao que asistiu o equipo docente, o alumnado e familiares, estivo presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e pola deputada e presidenta do Padroado da Escola de Enfermería, Eva Villaverde, e contou coa participación do director e da subdirectora da Escola, Miguel Ángel Piñón e Paz Diéguez Montes, e do vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Genaro Soto Carballo. No nome do alumando interveu a graduada Mariana Millán Fernández, mentres que a última lección do curso correu a cargo da graduada Lucía Insua Lago, quen expuxo o tema do seu Traballo de Fin de Grao ‘A Enfermería como potenciadora da resiliencia'.

Antes da imposición de becas e da entrega de diplomas, a presidenta da Deputación, ademais de darlles os parabéns a todos e a todas as novas graduadas, referiuse á figura de Florence Nightingale como "pioneira da enfermería moderna" e lembrou as súas palabras nas que aseguraba que "a enfermería é unha arte, e se se pretende que sexa unha arte, require dunha devoción tan exclusiva, unha preparación tan dura, como o traballo dun pintor ou dun escultor. Como comparar teas ou mármore morto cun corpo vivo? A enfermería é unha das Belas Artes. A máis fina das Belas Artes". Carmela Silva tamén reivindicou "a importancia e o valor da profesión de enfermería, como eixo central do coidado das persoas pacientes pero tamén das súas familias". A presidenta indicou, ademais, que "no Estado español hai máis de 280.000 enfermeiras e enfermeiros que desenvolven un papel encomiable e que constitúen o piar do ámbito sanitario, e dese total 2.000 pasaron pola nosa Escola que, desde hai máis de 40 anos, está a preparar a grandes profesionais na práctica desta profesión vocacional".

Pola súa banda, a deputada e presidenta do Padroado da Escola de Enfermería, Eva Vilaverde, lembroulles ás graduadas e graduados o papel vital que a partires de agora desempeñarán na sociedade asegurando que "a vosa razón de ser como profesionais son as persoas, e as persoas precisamos a persoas profesionais sólidas que estean fortemente formadas nos aspectos científico e técnico, pero tamén no emocional, e vós seredes o noso primeiro e maior consolo nos peores momentos, e en vós estarán depositadas as nosas esperanzas. E esa, a verdade, é que é moita responsabilidade". Eva Vilaverde tamén fixo fincapé nas singularidades da sociedade galega e afirmou que "en Galiza, cunha poboación tan envellecida, o coidado integral, o benestar, a atención á dependencia, a prevención ou a atención personalizada, son de especial transcendencia para a propia supervivencia do país, e eu estou segura de que será neste país onde ides aportar todo o voso coñecemento, capital humano e científico".

Tanto Carmela Silva como Eva Vilaverde coincidiron en amosarse orgullosas polo gran traballo desenvolvido pola Escola Universitaria de Enfermería, así como das sucesivas promocións que deste centro pasaron a formar parte xa do mundo profesional no eido da sanidade. "Hoxe graduádesvos na Escola de Enfermería de Pontevedra, e iso é unha garantía de preparación, de calidade na vosa formación. Unha referencia que vos acredita como os e as mellores preparadas do país. Porque pode haber graduados e graduadas igual de preparadas ca vós pero non mellor, podedes estar seguras" asegurou Eva Vilaverde.

Fotos


Novas relacionadas