Noticias

A exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista" chega a Poio

A mostra, organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación, que dirixe María Ortega, lembra A Caeira como lugar dos primeiros fusilamentos e símbolo da memoria resistente na Galiza


03 agosto 2019

A mostra "Rexas, mulleres baixo o terror franquista" chega este mes ao concello de Poio, unha referencia obrigada á hora de falar de represión, pois foi A Caeira o lugar dos primeiros fusilamentos na comarca e símbolo da memoria resistente en Galicia. Esta exposición, organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación, que dirixe a nacionalista María Ortega, é unha escolma da historia de represión que sufriron 172 pontevedresas –entre elas varias veciñas de Poio e arredores– que foron perseguidas, asasinadas e encarceradas, e que ademais soportaron vexacións de corte sexista pola súa condición de mulleres.

A mostra consiste en 12 paneis con 78 fotografías e divídese en tres bloques, o primeiro centrado na contextualización histórica, o segundo nas diferentes tipoloxías de represión e un terceiro e último dedicado a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres e o seu apoio imprescindible á guerrilla, ás persoas fuxidas, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, destacando tamén o seu protagonismo na transmisión da memoria.

A inauguración da exposición en Poio realizarase o vindeiro mércores día 7 ás 20:30 horas, e  estarán presentes, ademais da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, a xornalista e investigadora Montse Fajardo, comisaria da mostra –que dará unha conferencia– e familiares  e persoas achegadas das mulleres protagonistas da exposición.

 "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" estará en Poio, no Casal de Ferreirós, do 7 ao 24 de agosto, en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas de luns a venres e de 11 a 13:30 horas os sábados.