Noticias

A exposición "Sorrisos Transformadores" en apoio ao colectivo LGTBI xa pode visitarse no Pazo provincial

A mostra fotográfica inaugurouse hoxe, 28 de xuño, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI


28 xuñ 2016

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou hoxe o seu orgullo porque o Pazo Provincial se converta unha vez máis nun espazo de visibilización e de loita pola igualdade de todas as persoas grazas á mostra fotográfica "Sorrisos transformadores" en apoio ao colectivo LGTBI, que dende hoxe se pode visitar no hall da sede provincial. "Hoxe este Pazo énchese de dignidade e estas fotos fan que este lugar sexa moito mellor hoxe que os días precedentes", sinalou Silva.

"Sorrisos transformadores" trátase dunha campaña de visibilización LGTBI, da que forma parte ademais a Asociación Arelas -Asociación de Familias con Menores Trans-, cuxa presidenta, Cristina Palacios, tamén participou na inauguración da exposición. No acto tamén estivo a Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas; a profesora da UVI e directora do Posgraduado en Estudos de Xénero, Beatriz Suárez Briones; a representante da Asociación Nós Mesmas, Raquel Cordeiro; e a fotógrafa Noemi Chantada.

No acto de apertura, a Presidenta resaltou que se trata dunha "mostra orgullosa, chea de vitalidade e optimismo, que nos fai crer que o futuro se constrúe cando nos unimos para defender as causas xustas e para poñerlle rostro á xente que moitas veces ten que vivir nunha sociedade que os discrimina". Carmela Silva asegurou que ese tipo de sociedade, a que non trata a todos e todas por igual, non é unha sociedade decente, e por iso, "hoxe máis que nunca temos que estar comprometidos coa igualdade. Todos e todas temos os mesmos dereitos e temos que ser capaces de construír a nosa vida dende a liberdade e as nosas propias decisións".

A Presidenta explicou que "Sorrisos transformadores" serve para facer visibles "a rostros e a persoas que sorrín, e sorrín para transformar o mundo, que nos mostran as súas vivencias, desexos e ideas. Optimistas, vitais, que nos transmiten, que nos fan empatizar e facernos parte desa sociedade que loita porque todos sexamos iguais". Silva engadiu que a campaña se inicia en Pontevedra, pero convidou a todos os concellos e centros educativos da provincia a sumarse a esta iniciativa, para entre todos e todas facer cada vez máis visible o dereito de todos e todas a vivir en  igualdade.

Na mostra fotográfica poden verse 10 imaxes, acompañadas de cadanseu texto que convida a unha reflexión profunda sobre distintos aspectos da vida cotiá en igualdade. A exposición enmárcase nunha campaña máis ampla que se complementa cunha serie de charlas informativas para a comunidade escolar. O obxectivo é dar visibilización, sensibilización e naturalidade ao colectivo trans e ás súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.  Hoxe mesmo ademais, tras a inauguración, tivo lugar unha mesa redonda, no edificio administrativo da Deputación, para tratar sobre  distintos aspectos da loita cotiá deste colectivo.

Na apertura da mostra, a presidenta de Arelas, Cristina Palacios, salientou que a virtude máis importante da exposición é "amosar a naturalidade que está detrás da transexualidade. Son persoas que teñen as mesmas vivencias, soños, ilusións e esperanzas que calquera outra persoa". Agradeceu ademais o apoio da Deputación e da Universidade para darlle voz a aquelas persoas que "un día deciden dicir basta xa e mostrarse tal e como son, porque só así, mostrándose naturalmente podemos cambiar esta sociedade tan LGTBfóbica na que vivimos".

A profesora da UVI, Beatriz Suárez Briones, resaltou o papel transformador que ten que ter a educación en xeral e a universidade en particular. Lembrou os anos que a UVI leva traballando a prol da igualdade e dixo que esta exposición só é un resultado máis da vella loita a favor da igualdade que pouco a pouco vai transformando a sociedade.

A fotógrafa artífice da mostra, Noemi Chantada, asegurou que "non hai loita que se gañe mellor que cun sorriso por bandeira" e manifestou agardar que as persoas que visiten a mostra se enriquezan polo menos a metade do que ela gozou facendo as fotografías. Por último, Raquel Cordeiro, de Nós Mesmas, agradeceu a posta en marcha de iniciativas deste tipo, xa que dixo que visibilización e educación son os piares fundamentais na loita pola igualdade.


Novas relacionadas

Entrevista Sorrisos Transformadores

24 xaneiro 2017, exposicion, pontecesures, sorrisos transformadores