Noticias

A Festa do Miño, en Tui, dispoñerá este sábado do material das campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra

A institución provincial levará as mensaxes da súa iniciativa "Lembra! Eu decido, ti respectas" aos dous puntos morados que se van instalar na festa


08 agosto 2019
Campaña contra as agresións sexuais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, estará presente este sábado na Festa do Miño de Tui. O evento, que organiza o Concello, combina deporte, gastronomía e lecer e ten como pezas principais o Descenso Internacional e mais o Descenso Popular do río Miño.

A festa, que chega á súa novena edición, contará coa presenza de dous puntos morados de información sobre as violencias machistas e con material institucional da campaña de "Lembra! eu decido, ti respectas", dirixidas tanto a mozas como a mozos.  Os puntos estarán abertos na Ribeira de Caldelas das 12:00 ás 16:00 horas, e na rúa de Compostela das 20:00 horas á medianoite.

O obxectivo volve ser o de concienciar a poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e, para iso, repartiranse elementos explicativos nos que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito, e recalcando a negativa a calquera intento de culpar ás vítimas.

A Festa do Miño está declarada de Interese Turístico de Galicia. O programa deportivo, baixo a dirección do Club Kayak Tudense, consiste nunha proba federada de 17 km e outra popular de 7 km polo curso do río e ao longo dos concellos de Salvaterra de Miño e Tui. Cada ano aumenta o número de participantes e tamén de público asistente. A maiores celébrase unha romaría popular a partir do mediodía na Ribeira de Caldelas e unha festa gastronómica a partir das 20:00 horas, con concerto musical ao seu remate, na rúa de Compostela.

A campaña "Eu decido, ti respectas" comezou o verán pasado en todo os festivais #RíasBaixasFests e, posteriormente, a institución provincial ofrecéullela aos concellos que a soliciten para todo tipo de eventos multitudinarios.