Noticias

A Festa dos Callos de Meis contará con material das campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra

A institución provincial estará presente durante a xornada deste domingo, 14 de xullo, cun punto morado de información sobre as violencias machistas


09 xullo 2019
Campaña contra as agresións sexuais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, colaborará este ano coa Festa dos Callos do concello de Meis, no marco do programa de información sobre as violencias machistas e para iso poñerá á súa disposición un punto morado co material das campañas de "Lembra, eu decido, ti respectas", dirixidas tanto a mozos como a mozas.

Así, durante a xornada, a institución provincial estará presente  cun stand informativo no que se fará entrega de folletos dirixidos á mocidade, con contidos diferenciados para mulleres e para homes, ademais doutros materiais promocionais. Con esta iniciativa preténdese concienciar así á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e repártese material explicativo no que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.

Durante o pasado verán, a Deputación puxo en marcha esta campaña de igualdade nos festivais das Rías Baixas, e posteriormente, a institución provincial ofreceu o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Pontecaldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. Amais, a Deputación tamén colaborou deste xeito nas pasadas festas de San Xosé de Campolongo (Pontevedra) ou no pasado Entroido do concello do Grove.