Noticias

A futbolista internacional Vero Boquete, última protagonista das conversas da AS-PG

O faladoiro, que ten como tema central a situación das mulleres no deporte de competición, completarase coa profesora Cristina López Villar


10 decembro 2019
Vero Boquete

Vero Boquete, unha das futbolistas profesionais máis importantes do país, e Cristina López Villar, profesora universitaria dedicada ao deporte, serán as últimas dúas protagonistas do ciclo de conversas organizadas pola Asociación Socio Pedagóxico Galega (AS-PG) coa colaboración da Deputación. O faladoiro ten como título "As mulleres no mundo do deporte de competición".

Vero Boquete, actualmente nas filas do Utah Royals FC (Salt Lake City, EUA), xogou profesionalmente en España, Estados Unidos, Rusia, Suecia, Alemaña, Francia e China para clubs tan importantes coma o Paris Saint-Germain e o FC Bayern Munich.

Foi gañadora da UEFA Women's Champions League e campioa de Europa da UEFA U19; foi designada como MVP (xogadora máis valiosa) da Liga de Fútbol Profesional Feminino de Estados Unidos. Ademais, foi escollida pola UEFA como unha das 10 mellores xogadoras de Europa e nominada para o FIFA Ballon d´Or como unha as 10 mellores xogadoras do mundo; a única que sigue xogando activamente na FIFA Legend of the Women's. É tamén columnista habitual en varias publicacións.

Xoga como media punta ou segunda punta e actuou como capitá na Selección feminina de fútbol de España. Desde febreiro de 2015 é embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino e desde 2017 forma parte da comunidade de futbolistas CommonGoal, iniciativa liderada por Juan Mata que loita a favor da reintegración social da infancia empregando os fondos recadados co 1 % do salario das e dos futbolistas da comunidade.

Pola súa banda, Cristina López Villar é doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Na actualidade é profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na Coruña e forma parte dun grupo de investigación con diferentes liñas en torno ao deporte e ao feminismo. Entre os seus traballos destaca a publicación do libro Pioneiras do deporte en Galicia.

Con este faladoiro, a Asociación Socio-Pedagóxico Galega e a Deputación de Pontevedra pechan un ciclo de conversas nas que se abordou a actualidade desde unha perspectiva galega. Baixo o título "Fálase de…", os coloquios centráronse en temas coma o cambio climático, a guerra comercial entre China e Estados Unidos, a emigración na Galicia actual e o xornalismo.

A intención foi crear un espazo divulgativo e formativo tanto sobre a actualidade galega coma de temas que afectan ao país de calquera xeito; un punto de reunión e encontro de todas aquelas persoas interesadas en temas que afectan directamente a realidade e a sociedade.