Noticias

40 nenos e nenas participaron no campamento urbano durante este verán na Guarda


07 setembro 2018
A Guarda
Campamento urbano deste verán na Guarda

O pasado xoves día 6 de outubro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Cultura, Elena Baz, visitaron aos 40 nenos e nenas que durante os meses de xullo e agosto participaron no Campamento Urbano promovido este verán  dende o Concello da Guarda, e que remata este mesmo venres.

Nesta edición decidiuse ampliar as datas deste campamento, que conta cunha gran demanda, durante a totalidade dos meses de xullo e agosto e ademais a primeira semana de setembro, facilitando a conciliación da vida laboral dos pais e nais destes nenos e nenas, promovendo tamén un verán activo para estes rapaces e rapazas que participaron nunha chea de actividades.

O Campamento versou este ano sobre «Unha viaxe inesquecible» e coas aportacións dos nenos e nenas traballouse a súa creatividade e imaxinación, participando activamente na elaboración das actividades, realizándose un resumo final cunha proxección dun video con fotografías das tarefas realizadas ao longo deste verán. Para rematar os nenos e nenas participaron este xoves nunha «busca do tesouro» polo casco urbano da vila, onde, a través de pistas e formando dous grupos, tiñan que ir atopando pezas dun rompecabezas.

Un equipo de 5 profesionais con 4 monitores, un especialista en educación especial e unha coordinadora foron os encargados de organizar diferentes actividades temáticas que variaron cada semana animando á participación dos nenos e nenas do campamento con saídas polo municipio, xogos de pistas, ximnasia, piscina, inglés, obradoiros variados ou cociña.