Noticias

A Guarda ilumina o mural do espigón do Porto da Guarda


05 xullo 2019
A Guarda

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Patrimonio, procedeu á instalación dun sistema de iluminación que permitirá por en valor o pintado do mural realizado recentemente no espigón norte do Porto da Guarda.

Dende esta fin de semana e,  coincidindo coa XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, os veciños e visitantes da Guarda apreciarán todo o esplendor destas pinturas cunha iluminación que permanecerá durante todo o verán.

Esta actuación realízase para realzar o patrimonio guardés, sobre todo o patrimonio marítimo, con motivo do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebra do 11 ao 14 de xullo no Porto da Guarda. Neste mural poden apreciarse moitos elementos do patrimonio marítimo da nosa vila como as marcas mariñeiras, o barquiño, o peixe espada ou a mesma langosta.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba «con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila».