Noticias

A Guarda inaugura este domingo a Exposición «Arquitectura en Porispán»


16 agosto 2019
A Guarda
Exposición en porispán

Este domingo día 18 de agosto a Casa dos Alonso acolle a inauguración da Exposición «Arquitectura en Porispán», contando con varias obras de Ramón González González, baixo a organización de Infomaxe coa colaboración do Concello da Guarda.

A inauguración terá lugar ás 20:00h na Casa dos Alonso, onde Ramón González González fará unha breve explicación de como é o proceso de elaboración destas maquetas nas que se inclúen varias representacións, como a Igrexa Parroquial da Guarda, a Igrexa Parroquial de Salcidos, a Capela de San Roque, a Capela das Mercedes, a Capela da Guía, a Capela de San Gregorio, a Capela da Virxe do Camiño de Rebordáns en Tui, a fachada do Concello do Rosal, o Centro Cultural da Guarda, entre outras.

Ramón González González leva 6 anos realizando estas maquetas empregando principalmente porispán e pinturas, cun minucioso traballo que representa a escala diferentes elementos arquitectónicos da nosa comarca.

Esta exposición estará nos baixos da Casa dos Alonso ata a primeira semana de setembro en horario de mañá de 9:00h a 14:00h e de tarde de 19:00h a 21:00h os días laborais, e en horario de 19:00h a 21:00h os días festivos.