Noticias

A Guarda mellora a reciclaxe e compostaxe


03 outubro 2019
A Guarda
Reciclaxe e compostaxe

O concelleiro de Servizos do Concello da Guarda, Miguel A Español, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, reuníronse no mes de setembro na sede de SOGAMA en Cerceda na sede desta empresa pública en Cerceda, onde puideron comprobar o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais.

O concelleiro de Servizos do Concello de A Guarda (Pontevedra), Miguel A. Español, desprazouse xunto con membros do equipo de recollida municipal de residuos e voluminosos, para manter unha xuntanza co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e estreitar a colaboración para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.

Segundo Miguel Español as taxas locais de reciclaxe están sendo boas, o certo é que o Concello da Guarda aspira a melloralas, toda vez que isto redundará nun maior beneficio ambiental e económico.

Neste sentido, o concelleiro trasladou o éxito e a boa acollida do programa de compostaxe doméstica que se está desenvolvendo no municipio da man de Sogama e no marco do cal posibilitouse que 263 familias xa estean convertendo en abono a fracción orgánica dos refugallos domésticos. Desta forma, conseguen pechar o ciclo de reciclaxe da mesma e evitan o seu depósito nos contedores verdes xenéricos, minimizando gastos.

Trasladou a petición para a subministración dunha nova partida de composteiros a fin de estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, prevendo levar a cabo campañas de concienciación social en materia de medio ambiente.

Así mesmo, dou conta das limitacións coas que concellos coma o da Guarda se atopan nos meses de verán para organizar a loxística de recollida e xestión dos residuos, xa que a poboación turística increméntase substancialmente e deben dobrarse esforzos para manter o municipio en boas condicións ambientais e de salubridade.

O obxectivo de Miguel A. Español é reforzar o número de contedores de recollida selectiva nas rúas de A Guarda, seguir impulsando a compostaxe doméstica e optimizar a recollida de vidro no ámbito da hostalaría con novos recipientes adaptados.

Trala reunión, Javier Domínguez convidou ao concelleiro e acompañantes a facer un percorrido polas instalacións do Complexo Medioambiental de Sogama, onde puideron ver, guiados polo Xefe de Produción da entidade, o itinerario que seguen os residuos, tendo a oportunidade de constatar o bo funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que permitirá a Sogama incrementar a súa achega á reciclaxe e alcanzar no ano 2020 o vertido técnico cero.