Noticias

A Guarda recibe o -Premio ao Destino Gastronómico- da Revista Ejecutivos na IX Edición dos Premios Galicia


05 xullo 2019
A Guarda

O xoves 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolleu a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co «Premio ao Destino Gastronómico», acto ao que asistiron, en representación do municipio, o Alcalde da vila, Antonio Lomba; a Concelleira de Turismo, a nacionalista Bea Lomba, a Concelleira de Educación, formación e promoción do emprego; participación cidadá e voluntariado, Fátima Rodríguez Marcos  e o Concelleiro de Tráfico e emerxencias, e medio ambiente, o nacionalista Xan Lois Lomba Alonso.

O acto de entrega da IX edición dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos realizouse na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, un escaparate idóneo para recoller este galardón para o pobo da Guarda e para a Festa da Langosta, onde tamén se fixo unha presentación turística da vila coa proxección dun vídeo, convidando aos asistentes a asistir esta fin de semana á XXIX edición no Porto da Guarda.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica  de referencia a nivel comarcal e autonómico, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.

Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetareas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Langosta».

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira nace no ano 1991 e co paso dos anos a festa foi crecendo en días de celebración e a variedade de produtos do mar e doces que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das festividades gastronómicas de Galicia.

No porto instálase unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente da lagosta e demais pratos. Cada ano a oferta de animación e entretemento para adultos e pequenos multiplícase cun amplo e variado programa con actuacións de música, eventos deportivos e culturais, animación infantil, etc.

A Guarda é unha vila mariñeira, dende os seus comezos o mar e a pesca foi o seu principal motor económico, e este factor se pode apreciar en diferentes facetas da súa paisaxe e das súas xentes, as típicas casas mariñeiras, o seu paseo marítimo, o Porto Pesqueiro, a Lonxa, a Praza de Abastos, entre outros.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira atrae cada ano a visitantes de toda a península ibérica, atraídos por unha oferta gastronómica, na que ademais da afamada e exquisita Langosta, tamén se inclúen outros pratos da Cociña Mariñeira como os percebes, as zamburiñas, os mexillóns, os calamares e tamén elaboracións como a paella, fideuá ou empanadas. Destaca tamén o apartado de doces, onde a Rosca de Xema da Guarda é a protagonista da sobremesa, un doce típico da vila, sempre acompañada dos bos caldos da D.O. Rías Baixas.

Na pasada edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman e consolidan un evento no que a Langosta é a raíña da mesa.