Noticias

A Guarda retoma a programación cultural cunha variada programación polo Día do Libro

Chegada a primavera o Concello da Guarda retoma a habitual a actividade cultural con propostas deslocalizadas, ao aire libre e con aforos reducidos.


08 abril 2021
A Guarda
Espectáculo Riscando o ceo

Neste inverno caracterizado pola pandemia que estamos a sufrir e polas restriccións sanitarias, o Concello da Guarda veu de suspender os eventos públicos evitando así as concentracións de xente nos interiores. Mais chegado o momento no que os días crecen e o sol favorece o paseo, así como pasado os peores momentos da pandemia o Concello creu oportuno recuperar a actividade cultural reivindicando que a cultura é necesaria, incluso mais que en outros momentos para sobrelevar esta situación. Así creou unha programación polo Día do Libro que arrancará o vindeiro venres 16 de abril co espectáculo de circo "Riscando o Ceo", da compañía Circo Chosco, ás 19:00h. na praza do Reló.

O espectáculo "Riscando o Ceo", está inspirado no clásico da literatura infantil "O Principiño" porque o esencial é invisible aos ollos, só se ve ben co corazón. A proposta escénica que mestura humor, maxia, risco, malabar, acrobacias e equilibrios imposibles foi escollida como arranque da programación polo seu contido desenfadado e poder desenrolarse ao aire libre.

Este evento está recomendado para tódolos públicos e moi especialmente ás familias, é preciso anotarse previamente en cultura@aguarda.es.

Na seguinte semana desenvolveranse outras actividades como os "puntos de libros", que, caracterizados coa temática mariñeira que nos identifica, permitirán aos veciños levar un libro de agasallo. Estes puntos estarán situados no Concello, na Praza de Abastos e na Biblioteca Municipal e contan coa colaboración de O Piueiro e a comisión de Festas da Virxe do Carme.

Nesta semana colocarase tamén un mural na entrada da Biblioteca, na que os lectores da Biblioteca Pública Municipal da Guarda poderán deixar as súas mensaxes e comentarios.

O sábado 24 terá lugar a segunda proposta escénica adicada desta volta aos mais pequenos da casa e da man da compañía Migallas cos seus "Contos do Chupete", xa no Centro Cultural ás 12:00h., tamén con inscrición previa.

E xa para rematar, entre os días 23 de abril e 22 de maio, aqueles que realicen compras de libros nas librerías da Guarda por valor de 30€ ou mais obterán un bolso de agasallo na Biblioteca Pública Municipal.