Noticias

A OMIX da Guarda organiza un obradoiro sobre consumo consciente e alimentación saudable

O obradoiro terá lugar o sábado 6 de marzo en horario de 18:00h a 20:00h


23 febreiro 2021
A Guarda
Curso sobre alimentación saudable

A OMIX do Concello da Guarda, en colaboración con Lacena, comida espida, organizan un obradoiro no que reflexionar sobre a necesidade dun cambio na forma na que consumimos, tratando de ser máis conscientes nas nosas accións individuais encamiñadas a realizar un consumo consciente.

A actividade partirá coa xestión de residuos: problemática medioambiental á que nos enfrontamos e coa que se pretende dar a coñecer a importancia do noso papel individual e a nosa responsabilidade na autoxestión.

Seguidamente a protagonista será a produción local, valorando a proximidade, a produción ecolóxica e de tempada, como un dos pilares fundamentais para facer que a nosa alimentación sexa máis saudable para nós e para o planeta.

O terceiro punto tratará de alerxias e intolerancias e como a través de produtos ecolóxicos ou produtos de hixiene e limpeza naturais podemos evitar ou minimizar gran parte dos actuais problemas de saúde.

Innovación na cociña: as compras a granel permiten adquirir as cantidade de alimento que precisamos en cada momento o que evita o desperdicio pero tamén permítenos innovar ao poder experimentar con novos produtos. Neste senso, a última intervención estará acompañada dunha cata de produtos e poderemos coñecer algunhas receitas e algúns pequenos consellos na cociña do día a día.

OBRADOIRO: A través dun exemplo da lista da compra semanal poderemos estimar a cantidade de residuos que se evitaría se adoitamos hábitos de consumo máis sostibles como a compra a granel. Como actividade práctica propomos un exercicio de compra semanal consciente. O obradoiro terá lugar o sábado 6 de marzo en horario de 18:00h a 20:00h

A actividade ten prazas limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse chamando á OMIX no 986610000 ext. 7 ou escribindo un mail a informacion@aguarda.es