Noticias

Actividades programadas para a celebración do Día das Letras Galegas na Guarda


14 maio 2019
A Guarda
Concello de A Guarda

O mércores día 15 de maio arrancan na Guarda as actividades programadas para a celebración do Día das Letras Galegas cun Concerto escolar que terá lugar ás 11:00h da mañá no Auditorio de San Bieito a cargo de «A Banda das Apertas» con Magín Blanco. Actividade incluída no Pontegal da Deputación de Pontevedra na que participarán os colexios da vila.

O xoves 16 de maio ás 19:30h celebrarase no Centro Cultural da Guarda a actividade «O Galego na Guarda, Unha lingua con futuro?» organizada por Xuliva en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña e o Concello da Guarda.

O Venres 17 de maio ás 17:00h a Agrupación Cultural Guardesa organiza un festival folclórico coa participación de tódolos grupos da Guarda e se entregan os premios ós gañadores do concurso de relato e debuxo organizado pola Agrupación. A actividade comezará cun desfile dende a Alameda da Guarda, para proseguir no Auditorio de San Bieito.

O día grande chega o vindeiro domingo día 19 de maio coa Festa das Letras na Praza do Reló «en caso de choiva na Casa dos Alonsos», contando entre a súa programación e actividades con venda de libros con descontos para os asistentes, postos de venda de artesanía, un xogo de pistas «Superlector», un stand con publicacións municipais e un sorteo final.

As actividades terán comezo na Praza do Reló ás 11:30h co Contacontos «A detective peregrina», a cargo de Polo Correo do Vento, seguido ás 13:00h dunha sesión de vermouth musical con «Roger de Flor».

Pola tarde, ás 16:30h celebraranse varios xogos populares entre os que destacan as carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, entre outros.

Ás 18:00h terá lugar o espectáculo para nenos «Canta miña pedra canta» a cargo de Xoan Curiel e Charo Pita e rematará ás 20:00h cun traballo onde voz narrada e cantada contan historias recollidas no noso entorno baixo o título «Por unha peseta» a cargo da Compañía A Patacón con Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas)

Xogo de Pistas «Superlector»

Unha das actividades principais desta Festa das Letras 2019 na Guarda e o Xogo de Pistas «Superlector», un xogo que consiste en buscar, a partires dun fragmento de texto, unha ilustración ou unha fotografía, ou título dos libros, a colección a que pertence e o seu autor. Nesta actividade poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 12 anos en tres categorías.

Para participar é preciso que se recollan as pistas no Centro Cultual en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00, e entregarse resoltos o día 19 coincidindo coa Festa das Letras.

Unha vez completado o xogo, os participantes deberán entregar a pista resolta o día 19 de Maio na Festa das Letras na propia Praza do Reló para comprobar os resultados e, así, conseguir un Agasallo de SUPERLECTOR.