Noticias

As vellas glorias do ciclismo galego danse cita este sábado na Guarda


18 novembro 2019
A Guarda
Vellas glorias do ciclismo

Este luns día 18 de novembro a Casados Alonso acolleu a presentación da Carreira de Vellas Glorias do Ciclismo que terá lugar o vindeiro sábado día 23 de novembro a partires das 16:30h.

O acto de presentación contou coa asistencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, e o coordinador deste evento, Roberto Portela.
Este evento, que xa se celebrara na Guarda uns anos atrás, contará coa presenza de máis de 80 deportistas ex - profesionais do mundo do ciclismo galego coma Veloso ou Márques.

A proba arrancará ás 16:30h da tarde dende a Alameda da Guarda, facendo un percorrido de 20 voltas a un circuito urbano de 1,2km polas Rúas Galicia, Brasil e República Dominicana, con varios sprints especiais e rematando cunha subida ata o Monte Santa Trega.

Previa a esta proba contarase na Alameda da Guarda con actividades para os ciclistas da base do CC O Rosal, cunha proba de gymcana para os máis pequenos.

Antonio Lomba destacou a importancia e relevancia do deporte na Guarda, cunha forte aposta dende a Concellería de Deportes encabezada por Montserrat Magallanes, apoiando e colaborando coas iniciativas deportivas que se realicen na vila. Engadiu o edil que é unha satisfacción para a vila que estas iniciativas deportivas se consoliden e se manteñan no tempo, contando cunha axenda deportiva moi importante para unha vila de pouco máis de 10.000 habitantes. Aproveitou a oportunidade para convidar á cidadanía a animar aos ciclistas que visitarán A Guarda este sábado e tamén aos corredores que participarán o domingo no VI Trail do Trega.

Agradécese de igual xeito a colaboración de Protección Civil do Rosal, Ges da Guarda, Policía Local e Guardia Civil de Tráfico.