Noticias

Continúa con grande éxito as sesións de "Teatro no Trega" cos Quinquilláns

As visitas teñen lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e agosto


20 xullo 2021
A Guarda
Teatro no Trega

O Concello da Guarda continúa coa experiencia cos Quinquilláns despois do éxito acadado en pasadas edicións, ofertando nos meses de xullo e agosto de 2021 "Teatro no Trega", a cargo da compañía Os Quinquilláns, as primeiras sesións foron un éxito e este mércores día 21 terá lugar a terceira sesión.

Nesta edición realizase a actividade no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de convivintes), o punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.

A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.

A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.

Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os Lugares santos... Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.