Noticias

A Guarda e Caminha acollerán en outubro o I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho

Do 17 ao 19, as vilas reunirán a especialistas do sector do turismo e a gastronomía para pór en valor os recursos deste territorio


30 setembro 2019
Río Miño

Os días 17, 18 e 19 de outubro A Guarda e Caminha acollerán o I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho organizadas polo proxecto Visit Rio Minho. As xornadas están especialmente orientadas a profesionais e persoal técnico do sector turístico e gastronómico do territorio relacionados cos ámbitos da animación, natureza, hostalería, industria vitivinícola, restauración, vivenda rural, sendeirismo, emprendemento do sector do turístico e gastronomía, así como persoal técnico municipal relacionado coa información e promoción turística, cultural ou de natureza.

O xoves 17 de outubro terá lugar o I Congreso de Turismo do Rio Minho na Guarda. A actividade, dedicada a profesionais do turismo xa sexa do ámbito empresarial como da Administración pública, contará coa participación de numerosos expertas e expertos deste ámbito. Pola tarde haberá unha sesión de formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.  

A gastronomía en todas as súas vertentes ocupará a xornada do venres 18 en Caminha. As I Xornadas de Gastronomía do Rio Minho dividiranse nunha sesión de mañá, exclusiva para profesionais da gastronomía, onde haberá un debate e un showcooking, e unha sesión de tarde aberta a todo o público na que se combinarán presentación de produtos, charlas e degustacións.

Por último, o sábado 19, A Guarda e Caminha organizan diferentes actividades de lecer como peche do I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho.

O encontro é a primeira actividade da marca transfronteriza Río Miño/Rio Minho despois da presentación que tivo lugar no Parador de Tui en abril deste ano, e con ela preténdese viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo e pór en valor os seus recursos.

As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu, onde tamén se pode atopar toda a información actualizada.

Esta actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Euro Rexionais dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza VISIT RIO MINHO, que conta cun 75 % de financiamento FEDER, e do cal tamén forman parte a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Río Miño, os concellos de ambas marxes do Miño, Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar.