Noticias

A Guarda engalanase para conmemorar a figura de Xela Arias nas Letras Galegas


15 maio 2021
A Guarda
Letras Galegas na Guarda - Xela Arias

A vila da Guarda foi decorando pouco a pouco durante esta semana as súas rúas, prazas e escaparates con diferentes iniciativas dirixidas a conmemorar as Letras Galegas. Así os colexios públicos da Guarda decoraron facendo fronte ao mal tempo  a Praza de Avelino Vicente cunhas chamativas Letras e poemas de Xela Arias.

Os centros escolares afanáronse tamén esta semana en decorar os lavadoiros da nosa localidade con poemas pintados sobre prendas de roupa, na segunda edición da Tendal de Poemas. Os lavadoiros da Cal, a Ribeira, Fedorento e Netos enchéronse de poemas feitos polos diferentes centros que recordan ben a obra de Xela Arias, ben a obra doutras mostras de literatura galega. A idea destas dúas iniciativas é captar a atención dos paseantes no tempo de lecer e divulgar a importancia e riqueza da nosa literatura, esperemos que o tempo mellore e así poidamos admirar este belo traballo durante a xornada do 17 e na semana posterior

Por outra banda os comercios da vila, entre os que destacamos a participación das catro librerías incorporaron aos seus escaparates poemas de Xela Arias, conformando así o que pretende ser unha "ruta literaria" que amosa diferentes poemas seleccionados para dar a coñecer a poesía tan característica da autora. Esta proposta é a primeira das iniciativas da programación "Todas as poetas son tu e ningunha coma ti", que o Departamento de Cultura preparou en colaboración co Instituto e que terá a seguinte cita o vindeiro sábado 22 de maio ás 19h. Cunha lectura de poemas a cargo de alumnos do Instituto e membros da Agrupación Cultural Guardesa.

Mais a programación centrada en Xela Arias estenderase ata o último sábado do mes, cando chegue ata a Guarda o concerto poético  "Vencerse é cousa de se tratar", unha lectura dramatizada a cargo da artista Mónica de Nut, baixo dirección de Fernando Abreu basada no poemario Intempériome. Esta proposta ten unha significación especial, xa que trátase da posta en escena dun recital que Xela estaba preparando co músico Fernando Abreu no momento do seu falecemento. Dentro do traballo de preparación previo a aquel recital quedaron gravados certos poemas na voz de Xela. Estas gravacións foron recuperadas neste ano por Abreu, así como o espírito do espectáculo e deron forma a esta proposta na que participan agora o propio Fernando Abreu como director artístico e músico, Mónica DeNut na lectura dos poemas, Pablo Carrera á guitarra e Roi Fernández a cargo do contido audiovisual.  O recital  que tivo a súa preestrea o pasado mes de abril no Museo MARCO de Vigo, desprende a gran carga emocional e existencial que atopamos en toda a obra da escritora sarriá, sendo destacado tanto por crítica como polo público pola intensidade e a transgresión que respeta a visión da poeta pola confluencia das manifestacións artísticas.