A Guarda gozará da actuación da soprano Mila Ut e da pianista Ana Belén Rodríguez nunha nova velada de “Música no Ar”

O concerto celebrarase no exterior da igrexa na noite de mañá, mércores

23/08/2022

Mila e Ana Belén  

Mañá, mércores 24 de agosto, no exterior da Igrexa de A Guarda e a partir das 20.30 horas celébrase unha nova actuación da terceira edición do programa "Música no Ar", que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

A velada estará protagonizada pola soprano Mila UT e a pianista Ana Belén Rodríguez. Ámbalas dúas contan cunha recoñecida traxectoria no panorama musical actual, Mila UT construíu a súa carreira en torno á ensinanza e, é profesora de Linguaxe Musical e de Canto no Máster en Teatro e Artes Escénicas da Universidade de Vigo. Pola súa parte Ana Belén Rodríguez estudiou Piano Clásico no Conservatorio Superior de Música de Vigo e formouse xunto ós mellores no seu ámbito así como Peter Efler, Eulalia Solé, o Luiz de Moura Castro, entre outros mestres, e diplomouse en Música Moderna e Jazz polo Centro Profesional de Música Moderna de Santiago de Compostela.

Algunhas das pezas clásicas que interpretarán son: Oratorio de Haendel, Sposa de Vivaldi, Pamina de Mozart, Gretchen de Schubert, Antonia de Offenbach ou Allerseelen de Strauss, entre outras.

"Música no Ar", enmarcado no amplo programa da Deputación, "Con-Fiando Cultura" ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade da nosa provincia.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.