Noticias

Ibuprofeno teatro presenta a obra «Raclette» o 25 de outubro na Guarda


11 outubro 2019
A Guarda
Raclette

 

O Centro Cutural da Guarda acolle o vindeiro venres día 25 de outubro ás 21:00h a representación teatral de "Raclette" a cargo da Compañía Ibuprofeno Teatro.

«Raclette» é unha xeira de Ibuprofeno Teatro, na que a compañía asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.

Así pois, Ibuprofeno quere afondar na liña da creación propia e orixinal, seguindo na procura dunha linguaxe persoal e recoñecible para falar dos temas claves que lle afectan ao ser humano contemporáneo, a través de personaxes que buscan a súa identidade individual nun contexto social globalizado e complexo que non conseguen controlar, o que os leva a situacións absurdas e cargadas dun humor acedo e sarcástico.

No caso de «Raclette» é unha obra dirixida por Santiago Cortegoso cunha duración de 75 minutos que xa foi finalista XX Premios Max das Artes Escénicas Mellor Autoría Teatral e Mellor Dirección de Escea, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014, Mellor Espectáculo de Sala da 19 edición da "Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo", Mención Especial do Xurado no XIX Certamen de teatro Garnacha de Haro, Premio María Casares de Teatro 2017 ao Mellor Texto Orixinal, Premio Teatro Autor Exprés 2016.

A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras.

Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten os personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na trascendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas...

As entradas están dispoñibles dende o 24 de outubro ás 17:00h da tarde no Centro Cultural.

Link Video: https://youtu.be/CPJOc2UOUTA