Noticias

Noites no Castelo regresa este ano coas actuacións de Batuko Tabanka e Leilía


05 xullo 2019
A Guarda

O sábado día 20 de xullo a partires das 22:00h celébrase unha nova edición de Noites no Castelo, un festival organizado dende a Concellería de Festas e Festexos Populares do Concello da Guarda e que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Xunta de Galicia e en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC e o Xacobeo 2021.

Nesta quinta edición contarase coas actuacións dos grupos de música Batuko Tabanka e Leilía, enchendo de boa música un ano máis este emblemático espazo da vila guardesa, declarado Ben de Interese Cultural(BIC).

BATUKO TABANKA  (22:00 horas)

Formación integrada por mulleres de orixe caboverdiano afincadas na Mariña lucense.

É un grupo de música tradicional de Cabo Verde, no que cantan e tocan o batuko, que é un pano pregado colocado entre as pernas. Antonina de Cangas, Antonina de San Cibrao, Ivone, Fafá, Beba, Isabel, Dezidéria, Ilda, Mariazinha, Chuca, Morena, Ilisa, Pachuca, Gali, Lopez, Gusma, Numete, Linsaja, Katuka, Mascu, Canlita, Comato, Belita e Santinha, son as integrantes do grupo

LEILÍA (23:30 horas)

Grupo galego de música tradicional de cantareiras- pandereteiras fundado en 1989 e composto por seis voces femininas, que naceu co propósito de recuperar a tradición oral galega.

Leilía foi un dos primeiros grupos de Galicia que se lanzou a recorrer as aldeas recopilando cancións tradicionais de boca dos anciáns do lugar, e a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs.

O Festival Noites no Castelo consolídase xa coma unha cita musical ineludible do calendario de verán do Concello da Guarda, pasando polo seu escenario grupos coma Ardentía, Milladoiro, a Banda Crebinsky, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Mercedes Peón, a gaiteira Susana Seivane ou o grupo folk A Roda.