Noticias

O concello da Guarda implícase na loita contra a violencia de xénero


08 outubro 2018
A Guarda
A Guarda implícase na loita contra a violencia de xénero

O luns 8 de outubro A Guarda acolleu a celebración da Xunta Local de Seguridade, que contou coa participación da Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Marta Larriba; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o Concelleiro de Seguridade, Paulino Rodríguez, así coma unha representación dos corpos e forzas de seguridade do estado e representantes dos Servizos Sociais e do CIM do Concello da Guarda.

Nesta reunión destacou a incorporación do Concello da Guarda ao Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (Viogen), un proxecto destinado a previr situacións de risco e protexer á vítimas, que conta co apoio e implicación dos Servizos Sociais Municipais, o CIM e a Policía Local, Policía Nacional e Guardia Civil.

Maica Larriba expuxo a necesidade de mellorar a visibilización dunha lacra da nosa comunidade actual como é a violencia de xénero, amosando o seu total rexeitamento e a posta en marcha de medidas inmediatas que faciliten a súa redución, engadindo que «todo o que se poda facer para mellorar a seguridade e a defensa dos dereitos das mulleres é unha prioridade». Tamén deu a coñecer os datos de delicuencia, onde se rexistrou un descenso dun 12% con respecto ao ano pasado, moi por riba da media galega do -0,5%.

Pola súa banda o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, amosou a súa satisfacción pola adhesión da vila ao proxecto Viogen, sendo un dos primeiros Concellos de Pontevedra en facelo, recalcando a loita contra a violencia de xénero, moi importante coa implicación dende os propios municipios, implicando e colaborando con diferentes institucións e corpos e forzas de seguridade do estado, para que as mulleres coñezan que non están soas e que contan co apoio das administracións e da cidadanía, resaltando a importancia de denunciar estes casos, dispondo de recursos para evitar situacións de risco.