Noticias

O Concello da Guarda informa das medidas adoptadas trala entrada na Fase III da desescalada


09 xuño 2020
A Guarda
Reunión de información sobre a Fase III da desescalada

O luns día 8 de xuño, coincidindo coa entrada de Galicia na Fase III da desescalada, tivo lugar unha reunión da Comisión de Seguimento do Covid-19 na que se deu conta das novas medidas adoptadas cun aumento no relaxamento das medidas de prevención que, entre outras, permitirán:

  • A mobilidade entre as 4 provincias galegas, se a Xunta de Galicia o solicita.
  • Eliminación por completo as franxas horarias existentes até o de agora.
  • Limitación de aforo ao 50% no comercio minorista e nos mercadillos.
  • Nos bares limitación no aforo do local ao 50% e terrazas ao 75%, cunha ocupación máxima por mesa ou conxunto de mesas de 20 persoas.
  • Realización de actividades de animación ou clases grupais cun máximo de 20 persoas.
  • A apertura de bares de ocio nocturno sempre que non superen un terzo do seu aforo.
  • Ampliar o aforo das bibliotecas con estudo en sala ao 50%. Os museos tamén terán un aforo máximo de 50% e visitas en grupo de ata 20 persoas. Os espectáculos culturais en espazos pechados non poderán superar o 50% de aforo, nin reunir a máis de 80 persoas. Ao aire libre o aforo non poderá superar o 50% nin reunir a máis de 800 persoas sentadas.
  • A realización de actividades de turismo activo e de natureza en grupos de ata 30 persoas. Para actividades con guía haberá que contratar cita previa e os grupos serán como máximo de 20 persoas.
  • Realización de deporte sen superar o 50% da capacidade das instalacións deportivas. Tamén se autoriza a apertura das piscinas para uso deportivo.
  • Asistencia aos enterros e velorios cun límite de 50 persoas ao aire libre e 25 en espazos pechados.
  • Asistencia aos lugares de culto cun aforo limitado ao 75%.

A maiores destas medidas de carácter xeral para Galicia, o Concello da Guarda permitirá:

  • acceso ao Punto limpo municipal sen necesidade de cita previa, sempre que se respecte o aforo e as distancias de seguridade, cun novo horario que será os luns, martes, xoves e venres de 8:00h a 14:00h, os mércores en horario de 8:00h a 18:00 e os sábados en horario de 8:30h a 13:30h.
  • acceso ás instalacións deportivas do SkatePark "Atalaia" sen necesidade de cita previa, sempre que se respecte o aforo e as distancias de seguridade
  • acceso para a práctica deportiva do baloncesto e outros deportes ás instalacións do Centro Cultural, do Porto e de Salcidos.

Dende o Concello da Guarda se apela á responsabilidade individual para respectar estas medidas e favorecer a convivencia da cidadanía nos espazos públicos, en aras de previr novos contaxios polo Covid-19.