Noticias

O vindeiro luns remata na Guarda «Comercio Innova Plus»


25 xaneiro 2019
A Guarda
Comercio Innova Plus A Guarda

O Concello da Guarda remata o vindeiro luns as actividades do programa formativo "Comercio Innova Plus", dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza totalmente de balde.

O luns día 28 de xaneiro terá lugar a última charla sobre «Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe», que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Para esta charla contarase coa presenza de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.

Se sentes que viaxas soa ou só? Se tes a idea de facer algo con alguén pero non sabes como? Se tes ao/á teu/túa aliado/a ao lado en non o sabes, esta será unha charla que te axudará a desenvolver o teu negocio compartindo experiencias con outras persoas empresarias que están na túa mesma situación.

Neste obradoiro abordarase onde podemos atopar alianzas, como construílas e daremos o primeiro paso cara un camiño cheo de oportunidades creando sinerxias.

Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.

Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.

"Comercio Innova Plus"  conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.