Noticias

Rematan na Guarda as sesións formativas de "Comercio Innova Plus"


29 xaneiro 2019
A Guarda
Sesións formativas Comercio Innova Plus

O Concello da Guarda rematou este luns o Programa de Innovación para o Comercio "Comercio Innova Plus", dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unhas actividades nas que se incluíron xornadas formativas, píldoras e charlas dende o pasado mes de novembro de 2018.

O luns día 28 de xaneiro tivo lugar a última charla sobre «Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe», que se realizou na Casa dos Alonsos da Guarda contando coa presenza de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas, con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial e directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.

Nesta charla os comerciantes asistentes puideron comprobar como atopar alianzas, como construílas e deuses o primeiro paso cara un camiño cheo de oportunidades creando sinerxias no traballo colaborativo entre empresas da nosa contorna o con fins similares.

Estas accións formativas tiveron como obxectivo que o comercio da vila coñecese as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades foron de balde e non foi necesaria a realización dunha inscrición previa.

Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.

"Comercio Innova Plus"  contou co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.