Noticias

Sanidade levanta na Guarda as restricións preventivas por motivo do COVID-19

Sanidade comunica ao concello da Guarda o final das restricións debidas ao COVID-19 pola evolución favorable dos contaxios durante esta semana.


18 setembro 2020
A Guarda

A Guarda a 18 de setembro do 2020. Despois de escoitar as recomendacións do Comité Clínico, en canto a evolución do número de casos activos durante esta última semana, Sanidade decide poñer fin as restricións que anunciara o pasado 11 de setembro. O anuncio farase público no DOGA e terá vixencia a partir das 0:00 h do sábado 19 de setembro.

A última comunicación da situación epidemiolóxica na Guarda, realizada na tarde do xoves 17 de setembro, elevaba a 22 o número de casos activos, 8 menos que fai unha semana. Así mesmo Sanidade comunicaba que hai 53 casos aos que se lle está facendo estreito seguimento.

O concello seguirá mantendo para este sábado a medida de prevención de non celebrar o mercadillo, salvo cos postos de alimentación e flores. No caso de manterse a evolución epidemiolóxica desta semana, o próximo sábado día 26, celebrarase de novo o mercadillo completo, tendo sempre en conta as medidas de prevención recomendadas.

A vindeira semana A Guarda acolle as celebracións do Día de Santa Trega(festividade local -23 Set), que neste ano tan atípico, e ante as medidas de prevención motivadas pola pandemia da COVID-19, terán que realizarse dun xeito distinto.

As misas, que tradicionalmente se celebran na ermida no Monte de Santa Trega, celebraranse na Igrexa Parroquial e con limitacións de aforo tal e como ditan as normas sanitarias vixentes, non se realizarán as Poxas de produtos típicos nin a procesión.

A Ermida de Santa Trega estará aberta ao público nesta xornada para todos os fieis e devotos que desexen facer as súas ofrendas, sempre respectando as distancias de seguridade, o uso obrigatorio de máscaras de protección e hidroxel.

Como en anteriores ocasións, o concello insta a cumprir as medidas de prevención a toda a poboación: uso da mascarilla, hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comenzo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre.