Noticias

A inigualable natureza da provincia, protagonista en Fitur da man da Deputación de Pontevedra, que arranca a campaña 2020 con "Sigue o teu instinto"

Carmela Silva promete que a presentación en Madrid "non deixará a ninguén indiferente, porque apela as emocións máis profundas que falan da provincia dun xeito que ninguén antes fixo"


17 xaneiro 2020
Presentación FITUR

"O esplendor da natureza" da provincia de Pontevedra será o protagonista de "Sigue o teu instinto", a campaña de promoción turística das Rías Baixas para este 2020 que se presentará o xoves 23 de xaneiro, ás 12.30 horas, na feira Fitur de Madrid, nun acto no que "non imos deixar a ninguén indiferente", tal e como afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Silva anunciou que a coñecida actriz Celia Freijeiro será a condutora do evento, ademais de ser a protagonista dun audiovisual "espectacular, que apela directamente as emocións, que supoñerá un antes e un despois na presentación da paisaxe e da natureza de todas as comarcas da provincia". Ademais de Freijeiro, a delegación turística da Deputación contará con "embaixadoras e embaixadores potentísimos" e con "incribles materiais de promoción con moita capacidade para emocionar, que falan da provincia dun xeito que ninguén antes fixo".

De feito, xunto a "Sigue o teu instinto" tamén se vai empregar o hashtag #DetenteEMira para facer fincapé na necesidade de "escoitar o que nos pide o corpo, deternos e deixarnos levar para conectar co noso lado máis humano, co natural, coas raíces". O vídeo, "de carácter intimista e moi de pel", está baseado nas emocións, contando historias en escenarios de todas as comarcas da provincia de Pontevedra e representando os 365 días do ano, "porque cremos na desestacionalización". Tamén explicou que no vídeo se verán cuestións relacionadas co turismo de benestar, co respecto aos animais e á fauna, coa acción ecolóxica cidadá e institucional e co turismo activo e de aventura, con deportes relacionados coa natureza. Neste último caso haberá unha peza audiovisual na que deportistas de elite da provincia, coma Desiré Vilas, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso e Roi, Uxía e Iria Huertas, "farán a súa propia reflexión sobre a natureza desde paisaxes espectaculares".

A selección da natureza, a sustentabilidade e medio ambiente responde a un dobre motivo, tal e como explicou Silva. "Seguimos a pechar o círculo que iniciamos en Fitur promovendo produtos ao abeiro das directrices do Plan Estratéxico. Deste xeito comezamos coa cultura, con "Somos historias", continuamos coa gastronomía, con "Fame de experiencias" e, neste 2020, escollemos natureza e "Sigue o teu instinto". Ademais, con este eixo temático "estamos a amosar o compromiso da Deputación coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible". "Temos unha natureza e paisaxes espectaculares, onde non soamente se pode desfrutar de xeito pasivo senón tamén de forma activa, realizando actividades relacionadas co turismo activo e rural, co turismo de aventura, cos deportes e tamén co turismo de benestar e termalismo", asegurou Carmela Silva. Por iso este ano o lema escollido é "Sigue o teu instinto", no que se pon de manifesto "que somos parte da natureza, que ás veces temos que acudir a un lugar que nos permita recordalo e ese lugar é a provincia de Pontevedra".

No evento, que será retransmitido en directo a través da web e as redes sociais da Deputación, tamén aparecerá un terceiro audiovisual no que se dará conta do proceso de elaboración do "marabilloso" agasallo que se vai entregar en Fitur. Ao respecto deste, Silva asegurou que "imos espallar natureza en estado puro en Madrid. Imos repartir mar e montaña nun regalo que a ninguén lle vai pasar desapercibido. Un regalo no que o patrimonio inmaterial do saber popular relacionado coa natureza dará moito do que falar". A presidenta tamén adiantou que o agasallo foi realizado en colaboración cunha empresa sostible e con persoas con diversidade funcional, e que "as 500 unidades elaboradas en edición limitada terán un valor moi especial, xa que van formar parte dunha obra de arte efémera e colectiva".

Axenda en Madrid

A presidenta informou de que, ademais da presenza da Deputación en Fitur, esta manterá unha completa axenda de traballo en Madrid. O mesmo día da presentación, o xoves 23 de xaneiro, a Deputación estará presente ás 20.30 horas na gala da Noite Q de Calidade, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, para recoller as renovacións dos distintivos Q para a Oficina de Turismo Rías Baixas, o punto de información turística do Aeroporto de Vigo, as oficinas de turismo de Caldas de Reis, Cangas e Baiona e os puntos de información turística do mosteiro da Armenteira, do aeroporto de Vigo e da illa de Arousa. Ao respecto, a presidenta amosou a súa satisfacción porque "acadamos unha puntuación de 94 sobre 100 e chegamos á máxima puntuación no tocante á revisión do sistema de calidade, a prestación do servizo de atención ás e aos turistas, os recursos humanos e infraestruturas e as instalacións e equipamento".

Xunto a este acontecemento, a Deputación tamén estará presente nas presentacións de destinos da provincia de Pontevedra, e manterá reunións con operadoras e operadores de turismo, empresas TIC aplicadas ao turismo, empresas de comunicación, o ICTE e o Instituto de Turismo Responsable, así como a organización do Congreso Europeo de Turismo Rural. Ademais, o persoal técnico de Turismo Rías Baixas acudirá a foros e obradoiros no marco da Fitur relacionados co big data, a calidade, os destinos turísticos intelixentes ou os ODS.

O día previo á presentación, mércores 22 de xaneiro, presentarase o libro de Diego Piay María Vinyals, la mujer del porvenir. Siete vidas bajo la sombra de un castillo na librería La Buena Vida de Madrid, ás 19.30 horas. "Queremos facelo", asegurou Silva, "porque María Vinyals tivo unha estreita relación con Madrid, onde viviu e desenvolveu un papel moi importante como pintora, escritora, conferenciante e en asociacións de diversa índole, coma o Ateneo".

Audios

  • Audio