Noticias

A actuación da Coral "Bella Helenes" protagoniza o derradeiro día das Festas do Pelete na honra da Virxe dos Remedios

Os veciños procesionaron arredor da igrexa e do carballo centenario acompañados polos acordes da Banda de Música Unión de Guláns


09 setembro 2019
A Lama
Actuación da Coral

A actuación da Coral "Bella Helenes" de Pontevedra marcou os actos organizados no Pelete (Covelo-A Lama) na honra da Virxe dos Remedios e que tivo nunha misa cantada e na procesión arredor da igrexa e do carballo centenario o seu momento máis emotivo.

Centos de veciños do Pelete e de diversos lugares da comarca do Verdugo-Oitavén, entre os que se atopaban tamén o tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o concelleiro José Fortes, déronse cita diante da capela da Virxe dos Remedios para asistir á misa solemne de campaña oficiada polo cura párroco don Juan Manuel Fernández e que contou coa participación da Coral "Bella Helenes" do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.

Ao rematar o oficio relixioso a directora da coral tomou a palabra e adicou aos presentes "La Virgen Rociera" que foi cantada na honra do Pelete adaptando a popular canción a esta localidade do concello da Lama. Acto seguido procedeuse a realiza-la tradicional procesión que partiu das inmediacións da capela da Virxe dos Remedios e circundou todo o espazo festivo pasando por debaixo dunha das polas do carballo centenario do Pelete.

A continuación tivo lugar un concerto a cargo da Coral "Bella Helenes" con pezas que foron intercalando un repertorio popular que motivou o aplauso e o agradecemento do numeroso público presente, entre os que se atopaban moitos emigrantes residentes en México que aproveitan esta celebración para pasar uns días de vacacións na compaña das súas familias.