Noticias

A Asociación Cultural "Río Barbeira" inicia a recuperación do patrimonio inmaterial na contorna

Recopilan entre os residentes na zona fotos, lendas, oficios e documentos antigos referidos aos distintos lugares que atravesa o afluente do Verdugo


17 febreiro 2020
A Lama
Asociación Cultural

A Asociación Cultural "Río Barbeira" está levando a cabo un proceso de recuperación do patrimonio inmaterial dos lugares e aldeas existentes en torno ao río Barbeira con especial incidencia en O Peso, As Chozas e San Lourenzo. Esta actividade conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra dentro do seu programa do ano da música, de apoio ás entidades culturais sen ánimo de lucro.

A primeira destas xuntanzas tivo lugar esta fin de semana na Casa do Pobo do Peso onde os veciños do lugar, sobre todo os de avanzada idade, foron aportando fotografías antigas e dando datos sobre o pasado dos últimos 50 ou 60 anos na intrahistoria destes lugares.

A xuntanza, que tivo tamén un compoñente de confraternidade veciñal, contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Deportes do Concello da Lama, Daniel Vidal, quen é tamén presidente da Asociación Cultural "Río Barbeira", quen salientou a riqueza memorística das persoas que viven na zona "que atesouran vivencias e datos que procuramos agora recoller, sistematizar e conservar para orgullo de todos nós e, sobre todo, para poder trasladarllos ás novas xeracións para que coñezan como era o xeito de vivir dos seus avós, dos seus ancestros e que todo ese acervo cultural non se perda. Queremos conserva-la memoria dos nosos pobos, a cultura, as lendas, os ditos, as falas, a toponimia, todo o que nos é propio", indicou Daniel Vidal.

Estes traballos de recopilación están coordinados polo Gabinete Buo Arquitectura do que forman parte Manuel Angel Bugallo e o xeohistoriador Fran García Fernández. O método de traballo consiste na recuperación de fotografías antigas dos distintos lugares onde os veciños e veciñas aparecen como protagonistas da súa intrahistoria e recollen lendas, cantigas referidas ao territorio, vellos oficios, antigos lugares de reunión e de esparcemento, tabernas de pobo, patrimonio arquitectónico popular como muíños, pasos, pontes e camiños reais, festas e tradicións, experiencias de economía sostible, o aproveitamento sustentable dos recursos, etc. que van ubicando nun mapa a través da aplicación de Google Maps ou similares para a conformación dunha cartografía etnográfica e do patrimonio material e inmaterial dos distintos lugares.

A través dunha conversa cos veciños, sobre todo os máis anciáns do lugar, vanse establecendo toda unha serie de coñecementos que se recopilan e sistematizan para ir trazando o auténtico patrimonio inmaterial dos residentes no entorno xeográfico determinado polo río Barbeira.

Todo o recopilado, unha vez sistematizado polos especilialistas en xeohistoria e arquitectura paisaxística formará parte do patrimonio inmaterial do Concello da Lama e será obxecto dunha posterior exposición onde terá cabida toda esta inxente cantidade de datos tan importantes para coñece-la nosa historia.