Noticias

A Lama celebra a súa feira reconvertida nun "centro comercial rural" blindado fronte ao COVID-19

A Alameda volverá a concentrar este domingo a presenza de vendedores ambulantes entre medidas de seguridade, mascarillas, xel hidroalcólico e recomendacións para manter o distanciamento social


29 maio 2020
A Lama
Feira da Lama

A Alameda volverá a acoller este domingo a tradicional feira da Lama reconvertida nun auténtico "Centro Comercial Rural" blindado fronte ao Covid-19 con toda unha serie de medidas de autoprotección tanto para visitantes como comerciantes ambulantes que se dean cita neste evento.

O Concello, en colaboración con Protección Civil, porá en macha un amplio dispositivo organizativo con separación de postos de venda ambulante, circuito de entrada e saída e toda unha serie de elementos á disposición dos asistentes como mascarillas, xel hidroalcólico e medidas de prevención derivadas da situación provocada polo Covid-19.

Este domingo día 31 de maio volve a feira á Lama con presenza de distintos postos que farán un esforzo especial por achegar aos veciños e veciñas as mellores ofertas para facer fronte ao declive económico que se empeza  notar por efecto do Covid-19. Así este domingo haberá vendedores ambulantes de roupa (que  non se poderá tocar), calzado panadería, produtos da horta, comestibles e plantas e tamén volverá a este mercado tradicional o pulpeiro que ofrecerá un produto habitual das feiras da nosa contorna tanto para levar como para degustar na terraza da feira habilitada para albergar o aforo recomendado polas directivas sanitarias e gubernativas.

O Concello da Lama coa recuperación desta feira, pretende dinamizar novamente a economía e a actividade social do municipio ao tempo que mellora a oferta comercial na zona co fin de ir acadando a normalidade cidadá, xa na Fase 2 da desescalada.

O goberno local lembra a aquelas persoas da comarca, non so da Lama, que decidan acudir o vindeiro domingo á feira que deben manter as medidas de seguridade e segui-las indicacións que estarán a disposición do público para que esta actividade se desenrole con total normalidade.

As rúas anexas á Alameda volverán a estar libre ao tráfico e ao aparcamento para favorecer así a accesibilidade aos veciños que residen fóra para que estacionen os seus vehículos e que podan tamén acceder de xeito máis doado coas mercadurías que merquen aos coches que teñen estacionados.

Volve o pulpeiro á feira da Lama

Tamén se confirma a volta do pulpeiro á feira da Lama cunha carpa e mesas e bancos tradicionais para que os asistentes a este mercado podan tamén repoñer forzas e degusta-la gastronomía típica das feiras como o polbo e o churrasco. Os que queiran degustalo na feira poderán facelo seguindo as normas de aforo previsto para este tipo de establecementos e tamén poderán levarse este produto galego de calidade para as súas casas en fiambreiras.

O encargado de preparar e servi-lo polbo será o afamado e coñecido pulpeiro Amador Porta que coa súa experiencia e saber facer será garantía de éxito e de bo xantar na feira da Lama.