Noticias

A Lama, referente solidario con Operacións Quilo no partido de fútbol e no concerto de nadal

O recadado irá destinado ás familias usuarias dos Servizos Sociais e ao comedor social de San Francisco, en Pontevedra


30 decembro 2019
A Lama
A Lama

O concello da Lama converteuse onte en referente solidario na comarca coa celebración de senllas Operacións Quilo no encontro que enfrontou no campo municipal de Racelo á Lama, S.D. e ao Portas (2-2) e no Concerto de Nadal protagonizado pola Banda de Música de Cerdedo e a Banda de Gaitas Os Catro Ventos.

Durante o evento solidario celebrado no salón de actos do colexio da Lama interviu tamén o cantautor, ex compoñente do mítico Fuxan Os Ventos, Xosé Iglesias, e tamén membros da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea que deron conta do seu labor social, así como responsables dos Servizos Sociais do Concello que explicaron ao numeroso público presente a onde irían destinados os alimentos non perecedeiros recadados en senllas actividades benéficas.

O Concerto Solidario de Nadal alternou varios estilos de música protagonizados pola Banda de Música de Cerdedo que interpretou pezas de Queen, The Beatles e outras populares galegas, mentras que Os Catro Ventos apostarán máis por composicións folclóricas.

Ao rematar o evento, o numeroso público presente que ateigou por completo o aforo do salón de actos do Colexio da Lama degustou un chocolate con rosca servido por voluntarios que prepararon en directo e mentras se celebraba o concerto este doce típico das datas do Nadal.

O tenente de alcalde David Carrera e os concelleiros Daniel Vidal e Francisco Pérez agradeceron ao numeroso público presente a súa asistencia e colaboración con esta iniciativa solidaria que esperan repetir no vindeiro ano debido ao grande éxito tanto musical como polo respaldo dos veciños e veciñas da Lama que contribuíron coas súas doazóns ao banco local de alimentos lamense.