Noticias

As mulleres da Lama familiarízanse coa endometrose, enfermidade crónica cualificada de epidemia oculta e que afecta a un 10% da poboación feminina

A charla foi impartida na Casa do Pobo pola presidenta da asociación querENDO, Cristina Fernández Feijoo, e organizada pola Farmacia da Lama en colaboración co Concello


19 outubro 2019
A Lama
Charla endometriose

Un grupo de mulleres da Lama asistiu á charla sobre a "Endometriose, a epidemia oculta" ofrecida na Casa do Pobo pola presidenta da asociación querENDO, Cristina Fernández Feijoo, nun acto organizado polo novo propietario da Farmacia da Lama, Miguel Araújo, en colaboración co Concello.

A charla, que contou tamén coa presenza do tenente de alcalde da Lama David Carrera, incidiu sobre a particularidade desta doenza que afecta a unha de cada dez mulleres no mundo e, aínda que está catalogada como enfermidade benigna crónica, afecta ás mulleres en idade reprodutiva e provoca múltiples síntomas que se resumen en dor crónica e, en moitos casos, infertilidade. En Galicia son 60.000 as afectadas, e delas, unhas 9.000 están nunha fase grave da enfermidade, que pode chegar a obrigar a estas pacientes para someterse a unha cirurxía radical, é dicir, a quedar sen útero nin ovarios.

Segundo manifestou Cristina Fernández Feijóo, a pesar da súa incidencia, a  endometriose é practicamente un enigma para a sociedade porque moitas mulleres que sofren fortes dores non os identifican con esta enfermidade.

A endometrose é unha patoloxía que se produce cando se forma  endometrio, que son as células que recubren o útero e que mensualmente se  descaman, xerando a  menstruación, en zonas do corpo onde non lle correspondería.