Noticias

As obras no camiño do crego permitirán un mellor acceso rodado de vehículos de emerxencia e de recollida de lixo na zona

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, supervisaron a idoneidade dos traballos realizados


26 outubro 2020
A Lama
Visitando as obras da estrada do crego

O tenente de alcalde da Lama David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, supervisaron a finalización das obras de ampliación do Camiño do Crego que permitirá un mellor acceso rodado tanto para vehículos particulares, como de emerxencia e o camión do lixo que dá servizo as vivendas da zona.

Esta actuación enmárcase dentro das que está levando a cabo o Concello da Lama, coa axuda económica do Plan Concello da Deputación e permitirá tamén resolver os problemas do firme existente en viais da zona.

Carrera e Vidal insistiron na súa visita en comprobar a ampliación lateral realizada na metade do vial o que permitirá unha mellor actuación do camión do lixo á hora de face-las súas funcións. Por outra banda, os concelleiro salientaron que con esta actuación no Camiño do Crego resólvese unha das demandas veciñais en materia de seguridade vial, reposición de firme e mellora da comunicación e accesibilidade aos núcleos rurais que se está acometendo por parte do Concello nos últimos meses.

Deste xeito o Camiño do Crego, feito en pendente, conta xa con mellores condicións para o acceso rodado a varias vivendas que se comunican a través deste vial e que co novo firme fará máis accesible e transitable este traxecto para todo tipo de vehículos, incluídos os de emerxencia.