A Lama completa a urbanización do seu centro ao abeiro do Plan ReacPon

Os traballos que se executan na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga cun orzamento de máis de 450.000 euros permitirán mellorar as condicións de seguridade e mobilidade da contorna que acolle os principais equipamentos públicos

19/08/2022

Visita ao concello de A Lama  

O Concello da Lama está a acometer unha ambiciosa actuación ao abeiro do Plan ReacPon que lle permitirá completar a urbanización do centro urbano, coas obras de mellora da seguridade e mobilidade na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga. O deputado Carlos López Font e o alcalde Jorge Canda visitaron hoxe estes traballos, nos que a institución provincial inviste máis de 450.000 euros e que permitirán urbanizar esta zona, que acolle as principais dotacións e equipamentos públicos do municipio.

A zona obxecto de actuación está formada polos dous citados viarios, que perimetran a contorna do colexio, o parque infantil, o polideportivo municipal, a igrexa e a Residencia, Fogar e Centro de Día que se construirá na rúa Miguel Carbajal. Coas obras que se están a desenvolver búscase dotar á contorna de máis habitabilidade, seguridade e unha correcta accesibilidade, dando prioridade aos peóns/as. Hai que remarcar neste senso que da superficie total de actuación, 5.981 m2, un 40,65 % destinarase ao uso peonil.

O proxecto prevé beirarrúas cun ancho de 2,50 m na estrada da Fraga e beirarrúas de ancho variable, pero superior a 2,5 m, en plataforma única na Rúa Miguel Carbajal. Amais, executaranse pasos elevados na estrada da Fraga con nova sinalización e pasos ao mesmo nivel na Rúa Miguel Carbajal. As medidas de seguridade complétanse coa habilitación dun redutor de velocidade na estrada da Fraga e a limitación da velocidade máxima a 30 km/h en todo o ámbito.

Por outra banda, mellorarase a eficiencia enerxética coa retirada e substitución do alumeado por novos farois de fundición, con 48 luminarias leds. Desta forma minimízase o impacto ambiental ao retirar tendido aéreo e postes de formigón.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.