Noticias

Jorge Canda e David Carrera inspeccionan as obras de humanización da Praza do Conde en Covelo

Acometerase unha obra de realce consistente no adoquinado da superficie da praza e a iluminación ornamental da mesma así como da estatua a Manuel Barreiro Cabanelas


25 setembro 2019
A Lama
Praza do Conde

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e o tenente de alcalde David Carrera supervisaron o inicio das obras de humanización da Praza do Conde, na parroquia de Covelo, que será sometida a unha tansformación e un realce total a través dunha achega da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

As obras que se están a acometer na Praza do Conde consisten na substitución do pavimento actual por outro adoquinado favorecendo a presencia harmonizada dos peóns e os vehículos. Asemade, procederase a dotar de luminosidade a este espazo a través dun sistema de luces led embutidos no perímetro da praza coa intención de diminuir o impacto visual que produce a presenza de farolas que serán substituídas por novos dispositivos que mellorarán a visibilidade nocturna ao tempo que melloran o aspecto deste emblemático lugar da parroquia de Covelo.

Ademais, as obras prevén un sistema de iluminación arrente do chan que terá como principal misión a luminosidade e realce da estatua de Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, principal benefactor deste barrio e cuxa figura preside a praza obxecto desta actuación de humanización.

Tamén se aproveitarán as obras para retirar os cables eléctricos que penduran sobre a praza e afean claramente este espazo de especial atractivo turístico e que gañará en realce ao tempo que mellorará o seu uso e humanización en beneficio dos veciños e veciñas da zona.

Con esta iniciativa o Concello da Lama pretende tamén reivindica-la beleza e potencialidade dos núcleos rurais con actuacións que permitan mellora-la calidade de vida dos seus veciños ao tempo que se actualizan os recursos e a imaxe externa dos seus lugares e aldeas. "Intervir no rural é un dos nosos compromisos irrenunciables e seguiremos apostando para correxir calquera eiva que poda implicar residir no rural con facelo nos núcleos urbanos", sinalou o alcalde Jorge Canda.