A Lama loce unha Casa do Concello máis accesible e sostible da man do Plan Concellos da Deputación

As actuacións acondicionaron o edificio ampliando o baixo e dotándoo de ascensor, garantindo así a mellor prestación de servizos á veciñanza da Lama

27/08/2022

Casa do Concello da Lama  

A ampliación e acondicionamento da Casa do Concello da Lama xa é unha realidade da que poden desfrutar todas as veciñas e veciños deste municipio. As obras, sufragadas con 180.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, deron unha nova vida a ao eidficio, que dende 1924 acolle a sede municipal. Os fondos provinciais permitiron ampliar o espazo das dependencias municipais, á vez que facilitaron á adaptación á normativa sobre accesibilidade. Así o comprobaron o deputado provincial Carlos Fonte e o alcalde da Lama, Jorge Canda, durante a visita realizada.

Accesibilidade e sostibilidade son as dúas premisas que marcaron as actuacións neste edificio. A primeira delas conseguiuse coa dotación de aseos adaptados e a instalación dun ascensor que elimina as barreiras arquitectónicas para o acceso da veciñanza ao primeriro andar, onde se sitúan boa parte das oficinas municipais e o salón do plenos. Pola súa banda, a sostibilidade mellorouse mediante a instalación de luminarias eficientes enerxeticamente, que substituíron ás anteriores, que eran obsoletas e supoñan un alto consumo. A eficiencia enerxética do edificio tamén se optimizou mediante actuacións na envolvente exterior, como selado de xuntas para evitar as filtracións de auga.

A ampliación da Casa do Concello tamén transformou o andar baixo, onde se redistribuíron os espazos e creáronse salas de espera para que a veciñanza non teña que agardar no vestíbulo principal antes de ser atendida. As obras comprenderon tamén o acondicionamento xeral do edificio, con traballos de pintado, así como unha actualización da súa estética.