Noticias

Marchan a bo ritmo as obras de construción do novo centro sociocultural para os veciños da parroquia de Escuadra

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes e presidente da Asociación de Veciños, Daniel Vidal, comprobaron os traballos que se están acometendo no local social


19 outubro 2020
A Lama
Obras centro sociocultural Escuadra

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes e presidente da Asociación de Veciños, Daniel Vidal, comprobaron a marcha das obras de construción do novo Centro Sociocultural para os veciños da parroquia de Escuadra e que atenderá a demanda social neste sentido.

Este edificio de nova construción está ubicado no entorno da carballeira e do campo da festa do Peso e terá unha capacidade para acoller actividades que ronden un aforo máximo dun cento de veciños asistentes e estará dotado cun amplio salón, amplios aseos para acoller a persoas con mobilidade reducida e cociña. O edificio terá unha amplia versatilidade de uso e así tamén se acondicionará a parte baixa como almacén ou outros destinos que con posterioridade se lle podan ir dando.

Este centro sociocultural contará con preinstalación para colocar material audiovisual, megafonía e proxector de vídeo coa intención de que poda albegar todo tipo de actos, conferencias, proxeccións, etc. converténdose nun local social de referencia para tódolos veciños e veciñas da parroquia de Escuadra que, ata o momento, carecían dunha infraestrutura destas características.

Carrera e Vidal cualificaron este investimento de "moi demandado pola cidadanía desta parroquia que ata o momento non dispoñía dun local social axeitado para acoller actividades no inverno ou a cuberto con aforo e capacidade suficiente. Consideramos que este tipo de edificios son fundamentais para fomenta-la convivencia veciñal, facilita-lo asociacionismo e dinamiza-la actividade social e cultural nos ambientes rurais tan necesitados de este tipo de infraestruturas que teñen gran rendabilidade social xa que fomentan a convivencia, o reencontro entre veciños e o espírito da boa veciñanza", sinalaron ámbolos dous edís.