Noticias

A Lama mellora a súa rede de abastecemento de auga en varios núcleos rurais grazas ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Trátase da cuarta actuación de mellora do abastecemento de auga a núcleos rurais da Lama sufragada polo Plan Concellos, cun investimento total de máis de 300.000 euros


21 decembro 2020
Visita as obras no concello da Lama

O Concello da Lama acaba de mellorar a súa rede de abastecemento de auga coas obras de captación, construción dun depósito e da rede de distribución para dar servizo aos núcleos do Borralleiro, Carballeira, O Eido Macho, O Eido da Tendeira e A Barcia do Seixo, traballos que poido financiar grazas a unha achega da Deputación ao abeiro do Plan Concellos. O deputado Santos Héctor e a deputada Noemí Outeda xunto, ao alcalde, Jorge Canda, visitaron hoxe as novas infraestruturas, nas que se investiron máis de 100.000 euros.

Trátase da cuarta obra de mellora de mellora do abastecemento de auga a núcleos rurais neste municipio que sufraga a Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos, cun investimento acumulado só neste concepto que supón máis de 300.000 euros de achegas provinciais. En concreto, ademais do abastecemento aos citados núcleos do Borralleiro, Carballeira, O Eido do Macho, O Eido da Tendeira e A Barcia do Seixo, a institución provincial tamén financiou o abastecemento á Gaiola e Seixido; a construción do depósito do Pelete e outro depósito e a mellora do abastecemento en Xesta. No caso das parroquias de Xesta e A Barcia do Seixo, a mellora das redes era unha demanda que se viña reclamando desde hai varios anos.

Na actuación visitada hoxe, as obras consistiron na execución de dúas captacións de auga de monte en Carballeira e O Borralleiro, así como a construción dun depósito para o almacenamento e a rede completa de distribución, con acometidas domiciliarias, válvulas, arquetas e bocas de rego para levar a auga á veciñanza destes cinco núcleos. Para a construción do depósito foi necesario facer unha escavación en terreo de rochas, mentres que no que se refire á rede de distribución, está executada en tubos de distinta sección e tipoloxía para dar un servizo adecuado. Son tres ramais de preto de 3 quilómetros (1.085, 1.120 e 780 metros) para dar servizo aos cinco núcleos. Tódalas gabias foron recubertas e pavimentadas no cruzamento coas vías. Ademais, foi preciso cruzar unha estrada, para o que se fresou e se volveu asfaltar.

Investimentos na Lama

A Deputación leva investidos na Lama máis de 4,7 millóns de euros desde o ano 2015, dos que 2,7 millóns corresponden á área de Cooperación. No que atinxe ao Plan Concellos, recibiu preto de medio millón de euros anuais desde o 2016.

Grazas a este investimento puido executar máis de 40 obras que, en boa parte, serviron para mellorar as infraestruturas rurais. Puido tamén financiar máis dunha decena de actividades socioculturais (Liña2) e, finalmente, contratar a preto de 70 traballadoras/es para prestación temporal de servizos municipais, coa Liña 3 de Emprego.

Doutra banda, no eido de infraestruturas, a Deputación acaba de financiar este ano as obras de ensanche e seguridade viaria na EP-0307 entre O Peso (A Lama) e Caroi (Cerdedo-Cotobade), cun orzamento de máis de 900.000 euros.