Noticias

O alcalde da Lama e operarios municipais colaboran de forma activa coa campaña de doazón de sangue

Jorge Canda doou sangue e animou aos seus veciños para participar dun xesto solidario que pode contribuír a salvar moitas vidas


12 febreiro 2020
A Lama
Campaña de Doazon de Sangue

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez e varios operarios municipais participaron na campaña da  Axencia de  Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) a través dunha unidade móbil estacionada na Alameda da Lama . O rexedor animou aos seus veciños para participar dun xesto solidario que pode contribuír a salvar moitas vidas.

Así, o alcalde Jorge Canda, que doante habitual, sinalou que "é un simple  feito, que  che  leva un cuarto de hora e que pode servir para que  moita  xente poda seguir  vivindo.  Tódolos días en Galicia  precísanse 500  doazóns e  é  unha  obriga  cidadá e humanitaria colaborar con esta iniciativa".

Jorge Canda que recoñeceu que "no son especialmente valente cando teño que acudir a un centro sanitario", pero sinalou que é unha cuestión de concienciación cidadá e unha acción individual solidiaria "que debemos facer todos os que poidamos porque como se dicía antes hoxe por ti, maña… quen sabe", indicou o alcalde da Lama.

A unidade móbil da  Axencia de  Doazón de Órganos e  Sangue estivo instalada na Alameda desde as 10 ás 14 horas para favorecer a recollida de sangue dos doantes desta localidade. Os facultativos encargados do servizo responderon durante toda a xornada ás preguntas de quen se interesaba polo funcionamento da  Axencia de  Doazón de Órganos e  Sangue e a aquelas persoas que quixeron colaborar coa achega de sangue para o sistema galego de saúde.

O bo tempo reinante durante toda a xornada  favoreceu que a unidade móbil da  Axencia de  Doazón de Órganos e  Sangue puxese a proba a solidariedade dos  lamenses a través da repartición de folletos informativos e atendendo aos veciños que, nun número moi salientable, se achegaban ao autobús que albergaba a unidade móbil de recollida de doazóns de sangue.