Noticias

O Concello de Lalín convida aos veciños e veciñas á presentación do libro recompilatorio de artigos de José Luís Sucasas

Terá lugar o vindeiro xoves, día 12 de xuño, ás 20.00 horas, na Biblioteca Municipal


08 xuño 2019
Lalín
Lalín

O Concello de Lalín convida a toda a veciñanza ao acto de presentación do libro de José Luís Sucasas no que se realiza unha escolma dos seus máis destacados artigos publicados en diferentes medios de comunicación en galego. O evento terá lugar o vindeiro xoves, día 12 de xuño, ás 20.00 horas, na Biblioteca Municipal. Nel participarán familiares do propio sucasas, así como o alcalde en funcións, Rafael Cuíña e o concelleiro, Francisco Vilariño, ambos amigos persoais do finado político e economista lalinense. Así mesmo, participará o xornalista e escritor, Moncho Vilar. Trátase dunha presentación totalmente aberta que, ao tempo que permitirá dar a coñecer a publicación promovida polo Concello, servirá de  homenaxe a Sucasas.

José Luís Sucasas ou "Suqui", como o coñecían os moitos amigos que tiña este lalinense veciño de Cadrón, foi unha das figuras máis brillantes das nadas na capital do Deza nos últimos tempos, tanto pola súa capacidade literaria e visión crítica, como pola súa calidade humana. Dende o Concello enténdese que non hai xeito mellor de recoller a alma retranqueira e a súa sobranceira intelixencia, que realizando unha recompilacións dos seus artigos máis sobranceiros. Poucos coma el souberon analizar Galiza dende a escrita de xeito tan agudo e levando sempre a humildade e o humor como escudo para, coas súas verbas, permanecer ao servizo do País e da súa xente.