Noticias

Os alcaldes de A Lama e Cerdedo-Cotobade inspeccionan a marcha das obras de mellora da estrada Peso-Caroi que executa a Deputación

Compartiron cos veciños a satisfacción de ver arrancar uns traballos longamente reclamados e que permitirán unha mellor comunicación entre o centro e o norte da provincia


29 maio 2020
A Lama
Visita ás obras da estrada Peso-Caroi

Os alcaldes da Lama, Jorge Canda, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizaron unha visita de inspección á marcha das obras que a Deputación de Pontevedra está executando na estrada EP-0307 entre Peso e Caroi e que era unha reivindicación histórica dos veciños de ámbolos dous municipios para mellora-la comunicación interior entre o centro e o norte da provincia.

Canda e Cubela coincidiron con varios veciños que os saudaron ao seu paso e lle amosaron a súa satisfacción porque despois de tantos anos de reivindicación o ente provincial accedera a realizar unha obra de especial necesidade para os núcleos rurais existentes neste trazado e que vertebra unha parte importante do municipio lamense e a súa conexión con Caroi e Cerdedo.

O proxecto conta cun orzamento de 750.000 euros e ten un prazo de execución de oito meses debido aos numerosos muros que hai que levantar, terreo que nivelar e pedra que mover para mellorar o trazado e a seguridade viaria deste vial que se atopaba en situación de deterioro moi importante e non respondía ás dimensión e anchura das estradas de rango provinciais.

O trazado obxecto desta obra de mellora transcurre entre o punto quilométrico 4+000 ao 6+000 da EP-0307 e permitirá ampliar a superficie desta estrada para convertela nun viario de dous carrís de 2,75 metros, dotala así mesmo dunha cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma na marxe esquerda de 0,5 metros. Ademais, as obras incluirán a reposición da barreira de seguridade, a colocación de sinais verticais e horizontais e a instalación de seis redutores de velocidade.

Para realizar esta actuación, está a ser necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario. Tamén será preciso o recuamento dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución e/ou ampliación das obras de drenaxe existentes.

Esta obra pudo realizarse grazas ás xestións realizadas polos dous alcaldes que tiveron que poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios para afronta-la mellora para o cal contaron coa total colaboración dos veciños afectados que ven na mellora desta estrada unha necesidade urxente que levaban moitos anos demandando.